PLAY OFF 2017

      

    O Oráculo de Delfos emitiu as súas predicións de cara a este acontecemento planetario. Xa estamos a unha ducia de días do Play Off LNB 2017 e aquí temos o informe elaborado por este prestixioso Santuario Grego e que nos foi remitido por whatsApp.
       Como se pode ver as variables coas que fixo a súa análise e prognóstico a deusa Xea foron o NÚMERO DE XOGADORES/AS que cada equipo ten dentro dos clasificados na categoría Individual Absoluta para o PLAY OFF 2017, en cada unha das tres Conferencias. 
       Para simplificar, CORREDOIRAS ten a 9 xogadores/as clasificados para optar a ser Coroceiro/a Nacional. BILLARDEIROS MUSICAIS ten a 7 candidatos para ser Campión Absoluto LNB, despois estaría GHARABOTO con 6 xogadores. CARABULLO e CAMPO DA FEIRA teñen 4 xogadores. Finalmente estarían LÚA DE FORZA con dous xogadores e APB SANTA MARTA con ningún xogador clasificado pola súa Conferencia. 
       Daquela, as conclusións deste prestixioso Santuario Heleno son que o Título na Categoría de Equipos deberá ir para BUEU, MARÍN ou RIBADEO. O seu razoamento está moi fundamentado, xa que, lembremos que no Play Off compiten 6 xogadores/as por cada equipo, e se hai só tres equipos que na súa aliñación presentan a 6 xogadores/as que son dos/das mellor clasificados/as nas súas Conferencias respectivas, pois branco e en cunca... non é viño!

       Mais, como non nos fiamos da opinión dunha deusa mediterránea, por moita sona que teñan as súas predicións, xa pedimos a valiosa opinión doutro tipo que tamén sabe destas cousas de adiviñar o futuro. Para a semana que vén, ou sexa, uns días antes da disputa das finais 2017, chegaranos o exhaustivo informe do Apóstolo. Sabemos de boas fontes que este señor toma en consideración para as súas certeiras descricións do futuro, ademais de números, cifras e clasificacións, facilmente cuantificables, aspectos telúricos, astrais, emocionais e psicoanalíticos. Todo isto fai que a maioría das casas de apostas que operan nas redes utilicen os seus servizos.
     Porén, mentres non chegan as novas do Oráculo de Compostela, debemos guiarnos polas de Delfos, se queremos apostar xa sobre que equipo será o Campión LNB 2017. Senón atentas e atentos ás última xornadas e despois... apostade forte por APB Santa Marta ou por Lúa de Forza, pois será a única maneira de conseguir millóns de euros, aínda que sexa desafiando aos deuses da fortuna.








        Como se pode ver as variables coas que fixo a súa análise e prognóstico sobre quen será Coroceiro/a Nacional a deusa Xea foron o posto na clasificación xeral e o número de xornadas ganadas durante a temporada, e sempre considerando só aqueles xogadores e xogadoras que están clasificados a día de hoxe para o PLAY OFF.
     Mais, insistimos, como non nos fiamos da opinión dunha deusa mediterránea, por moita sona que teñan as súas predicións, estamos esperando a certeira interpretación do futuro por parte do Apóstolo. Ata daquela, por favor, apostade a unha sorpresa e teredes tantas posibilidades de acertar coma calquera. Temos o exemplo do ano pasado con Chousa, quen sen estar entre os favoritos, nin entre os candidatos, vestiu a Coroza polo seu extraordinario xogo naquela tarde de maio do 2016. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario