TODOLNB fala con ... Eduardo García Santiago

       Home de poucas, pero, firmes conviccións, fiel e incansable defensor dunha terra e dun xeito rural de entender o mundo. Infatigable loitador nas causas xustas e solidario coas persoas que o precisan, este é Eduardo García Santiago. Un galego nacido na diáspora e que chegou ao mundo LNB desde Paiosaco, lugar coa maior densidade de palanadores da provincia da Coruña. Unha persoa que se fai querer sen el querelo... ou querendo, vai ti a saber? 
      O certo é que a súa presenza nutre de alegría ao grupo e sen el non se entendería unha mañá de billarda na Conferencia Noroeste. O seu dominante músculo dialéctico fai a ledicia de pequenas e pequenos, farta a algún anarquista de Gabenlle e, sobre todo, desarma aos rivais. En definitiva, aglutina as mellores calidades do noso caracter galego e achega esa melancolía traíada da diáspora que lle dá un único e inconfundible pouso de cordialidade e tristura.





        Comezou de xeito dubitativo a súa relación afectiva coa billarda. Deste xeito, durante as dúas primeiras temporadas estivo nun segundo plano competitivo, pois non lle daba encontrado o aquel a esta ferramenta de xogo tan sofisticada. Mais, todo trocou no Temple, en abril de 2017. Segundo el confirma, veu a luz ao final do tunel cando varios palanadores das Rías Baixas participaron na xornada 9ª, do 2 de abril de 2017, no Temple, Cambre. Aquel día puido ver en directo o estilo espectacular, á vez que efectivo, destes palanadores e a partir de entón, o de Paisaco cambiou a súa técnica de golpeo. A temporada seguinte xa rematou no podio da Conferencia (3º posto) e ganou a súa primeira xornada LNB. Esta temporada mantense no podio da xeral e o único motivo polo cal non se vé como aspirante ao título é por acatar as ordes do seu xefe de equipo, o anarquista xa mencionado.
        Edu participa en toda actividade cultural, musical, gastronómica, deportiva, laboral e intelectual que pode. Sempre manifesta a seu amor pola terra e un máximo respecto a quen opina diferente a el. Na súa ansia por normalizar a práctica da billarda, involucrouse na liña estratéxica de chegar ao medios de comunicación, para que estes servan de altofalantes que espallen o son dos golpes da madeira contra a madeira por todo o país. O certo é que desde que Edu se encarga do gabinete de comunicación da Conferencia Noroeste a presenza da LNB nos medios é constante. 





Nome e apelidos: Eduardo García Santiago
Lugar e data de nacemento: Lugano(Suiza), 1967-05-07.
Lugar de residencia: Paiosaco
Ano de debut: 2015
Equipo actual: Campo da Feira



-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
    Foi en Caion. Levoume Xulio Ponte e probei, despois tiven dúas tempadas a trompicóns, nin estiven centrado, nin motivado debido a problemas cotidiáns.

-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
    Daría a coñecer a billarda nos colexios, pero, temos un inconveniente hoxe en día, e pasa co futbol e cos demais deportes, os nenos e as nenas teñen na súa testa o móvil e a play. Ou facemos un xogo da billarda para play ou vai ser moi difícil. Outra acción importante é o boca a boca de cada un dos xogadores, pois é o que máis está funcionando hoxe en día. Digo isto polos exemplos que estou vendo no campo de billarda.

-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
   As miñas virtudes son o espírito deportivo, a constancia para nunca darme por vencido, as gañas de aprender e mellorar e a confianza de creer que si podo.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
   Eu creo que a parte psicolóxica estouna adestrando, sobre todo, a parte da motivación.

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
   Eu son de herba, ja, ja, ja... sempre. Despois terra, área, asfalto, cemento e... non podo ver os pavillóns!

-A día de hoxe ninguén da Conferencia quere que o sorteo inicial te leve ao seu grupo. Témente máis pola forza dos teus golpes ou do teu incansable músculo dialéctico?
   Sen dúbida, polo músculo dialéctico, porque me traballo ao persoal antes do golpeo, pois, como dicía unha frase china, “a maior parte das batallas son ganadas antes de ser loitadas. Iso si, cando vai golpear non molesto.

- As túas dúas primeiras temporadas na LNB foron mediocres en canto a resultados. Pero, semella que todo cambiou un 2 de abril de 2017 en Cambre, 9ª xornada. Era a primeira vez que chegabas a unha final e...cóntanos como viviches aquel acontecemento que cambiaría o teu futuro na LNB.
   Aquel día lémbrome que viñera xente das Rías Baixas. Subín por primeira vez ao podio (2º posto). Foi parecido ao deste pasado domingo na Sardiñeira, veu xente das Rías Baixas e subín por primeira vez esta temporada ao podio (3º posto). Nas dúas ocasións motiveime coa apócema de Edu, “café con jotas e lume”. Son un xogador de motivacions!

-Quen cres que son os xogadores con posibilidades de ser Campións de Conferencia?
   Eu Teño medo de Miguel, Abel, Marc, Carmela e Mariña, despois, en segundo plano... hai moita competencia, tería que nomear a toda a conferencia.

-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
   O que se esta facendo, levando de boca en boca... cada xogador que espalle a billarda en todos os ámbitos que poida, redes, radio, prensa e televisión... se non loitas, perdes.

-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Campo da Feira?
   “O talento gaña partidos, pero o traballo en equipo e a intelixencia gañan campionatos”, dicía Jordan. En Campo da Feira temos un nivel de xogo moi alto en case todos os xogadores. Se falla un, está outro. Un exemplo foi o do ano pasado nas finais de Compostela, eu tiven un día malísimo e case facemos podio.

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
   O meu obxectivo este ano é seguir xogando á billarda por motivacions, pásalo ben e coñecer a moi boa xente neste mundo da billarda, despois, o demais xa virá... non me preocupa! Colectivos... os xogadores de Campo da Feira son comprometidos co que fan... hay algún anarquista, pero xa o deixan facer pola súa conta.

-Como están de avanzadas esas negociacións con Radio Marca para que a LNB dea o salto ás ondas hertzianas estatais?
   “Imposible is nothing”, dicía un slogan famoso. Pois, como di Egasa, o nome da billarda xa soa na Radio Galega. Marca, Ser, Cope... estase a falar con elas, pasiño a pasiño, pero con camiño percorrido.






         Se por algo se caracteriza Edu é por innovar a cada instante. Como el mesmo recoñece o seu estilo de xogo é herdeiro da cruz, con influencias das Rías Baixas e pingas de licor café. Daquela, creou á posición araña, que denomina a unha peculiar maneira de colocarse para dar o golpe de elevación da billarda. No golpeo de desprazamento mostra o refinamento sureño, a eficacia Bergantiñá e o poderío herculino.




       Ademais, de todas esas virtudes mencionadas, o de Campo da Feira mostra unha aséptica e cirúrxica ironía na analise da realidade social. Entón, despois de recibir varios avisos fonéticos do director deportivo do equipo de billarda de Paiosaco, decidiu optimizar os recursos naturais limitados do planeta e contribuír con isto a reducir o efecto invernadoiro. Polo tanto, púxose en mans do médico do equipo, para solucionar unha lesión abdominal que lle estaba impedindo golpear a billarda con todas as súas forzas. Temos as imaxes da metamorfose. O novo EGASA mostrará a súa imaxe mellorada no Aberto de Fin de Ano do 31 de decembro, en Paisaco.


Ningún comentario:

Publicar un comentario