CRÓNICA Aberto de Lugo

       Sucederon tantas cousas extraordinarias no Aberto de Lugo que as palabras se empuxan unhas ás outras por ver quen sae primeiro do teclado para explicar o comprensible, intuír o inexplicable e visualizar o extrasensorial. Xa que, todo isto e máis aconteceu a beiras do Miño, no paseo fluvial de Lugo. Os ingredientes foron os seguintes. 
--Do Noroeste chegou a Tropa do Demo... perdón, de Edu, coa saudable intención de demostrar os avances técnicos e tácticos dos seus palanadores e palanadoras, considerados históricamente un andar por debaixo d@s fantástic@s palanador@s norleste.  
--Das Rías Baixas acercouse o Rodiño, coa maliciosa intención de forzar a destitución do seleccionador Flores. Seica non hai química entre o de Lúa de Forza e Manolo Flores. Os datos están aí, o de Dorrón nunca foi convocado para participar na Copa Cantábrica, a pesar do seu inmaculado historial. 
--A magnífica organización de Madia Leva, coa colaboración de Polka Miseria e Billarda Verde, tiña marcados os campos desde a mañá, pois organizaron unha xornada de murallas abertas, na que calquera ser humano podía practicar billarda, baixo as sabias instrucións de monitoras e monitores.
--A herba do paseo fluvial estaba en perfectas condicións de humidade e coa lonxitude ideal para a práctica da billarda. Os campos tiñan as dimensións olímpicas.
--O outono estaba instalado no ceo e na temperatura. As nubes debuxaban sobre a herba unha idílica luminosidade.




       Debaixo destas liñas aparece O MURIEGO. Que é? Pois, igual que noutros deportes existen os marcadores electrónicos, os marcadores analóxicos ou as pantallas LED para poder saber como se desenvolve a competición, no deporte da billarda, existe O MURIEGO, que se instalou esta temporada 2018-2019 na Conferencia Norleste e que as demais Conferencias tratan de imitar.  


        Vemos que o interese que desperta este artiluxio, saído do maxín de Muriego, é inmenso. O aparato está construído para soportar as circunstancias climatolóxicas máis adversas sen resentirse o máis mínimo na súa estrutura. Non hai furacan que o tire ao chan. O cerebelo do Da Vinci de Tapia está sempre bulindo para poñer á LNB na vangarda.
Vemos a xogadores do Noroeste tomando fotos do aparello para ver se son quen de construír algo similar sen ter que abonar a patente, que está en mans de Muri.
 



     Carabullo chegou coa intención de promover a candidatura de Kiko para ser o novo seleccionador, pois o equipo de Ponte de Outeiro tamén está descontento por non ter ningún xogador ou xogadora na selección de Flores. En definitiva, o que pretendía o equipo da ponte era aproveitar a desfeita da Auténtica en Piedras Blancas, con maioría de xogador@s de Billardeiros Musicais e Troitas Bravas, para ganar a xornada e meter moitos ptos de distancia con estes dous equipos. Pois, dito e feito. 




        Troitas Bravas presentou en sociedade a nova fichaxe, Brandon (non é complicado descubrir quen dos 11 xogador@s é o de Detroit). Con esta ficha o equipo troiteiro ocupa as dúas prazas para xogadores extranxeiros permitidas na LNB, xa que, a outra está en mans do D. Navallo, tamén coñecido polo infiltrado.




        O adestrador e xogador de Billardeiros Musicais, Franco, estivo en todo momento negociando a contratación para este mercado de inverno dunha das maiores promesas do Noroeste, EGASA. Un xogador moi novo que apunta alto. Si, aínda que o seu aspecto está desmellorado e aparenta maior idade, o de Paiosaco, pertence á categoría Sub-33. Se lle facemos caso á foto podemos confirmar que as cousas están moi avanzadas. 


        Chaínzos-Cadaval chegou con varios xogadores en entredito, pois tanto Cortón como Kiko están no ruxe ruxe dos medios sensacionalistas. Os dous coa posibilidade de ser o novo adestrador nacional. Deste xeito, están coa mente noutro lado e os seus resultados non están sendo os esperados para dúas glorias da billarda. Nesta xornada, Cortón 13 ptos e Kiko 7 ptos. O equipo estase vendo perxudicado polo seu baixo rendemento, ata tal punto que agora quedan a 28 ptos da terceira praza, a última que dá dereito a participar nas Finais LNB 2019.  





       Billarda Verde continúa buscando adestrador para un proxecto a medio prazo. Se, finalmente, cae Flores, @s de Castroverde faranlle unha oferta que non poderá rexeitar. Mentres tanto en Lugo aguantaron o tipo nun terreo moi esixente. Presentaron 7 xogador@s. 



     
       Polka Miseria xa ten un un novo xogador, Edu. Ademais, as prestacións de Sara son moi boas e xa se sitúa a dous puntos da terceira posición na categoría feminina. 
SARA Polka Miseria



      Remourelle tivo a súa peor puntuación de toda a temporada. Só Muriego e Lucía estiveron nos seus números. Salientar o debut de Pablo coa franquicia do touro. Era de esperar que Flores non rendise como nel é habitual, pois tivo unha semana de moitas presións para que dimitira como seleccionador da Auténtica. Así é que o de Reinante movíase como unha alma en pena sobre a verde superficie. 

Santa Compaña tradicional


Santa Compaña da LNB


     As últimas carreiras dalgún grupo, así como, os desempates para o podio xogáronse coa inestimable colaboración do mesmo equipo de iluminación que participou na produción cinematográfica galega DHOGS. Grazas a este excelente equipo tamén se puideron facer as fotos da entrega de premios. 

1º XAN RODIÑO

2º- CHARLY

3º- SACHAS

Masiva participación no Aberto de Lugo e ambiente fantástico


Ningún comentario:

Publicar un comentario