LNB FIN DE SEMANA NOROESTE





       7ª xornada na Conferencia Noroeste no concello de Culleredo. Seguindo polo camiño de consolidar a práctica deportiva tradicional na provincia da Coruña, os compañeiros e compañeiras do Noroeste teñen disposto un campo de billarda cunha superficie mixta. Mitade superficie dura e mitade superficie branda. Xa que estamos cerca do Nadal, e considerando que un dos alimentos característicos destas datas é o turrón, no Noroeste tiveron a ocorrencia de ofertar a palanadoras e palanadores a posibilidade de probar o duro e o brando. Magnífico reto para comprobar as habilidades de cada quen!

        En definitiva, se o IRONMAN é a proba máis dura do triatlón (consta de 3,86 km de natación, 180 km de ciclismo e 42,2 km de carreira a pé), en Acea de Ama, o domingo 17 de decembro, disputarase o WOODENWOMAN de billarda (50 x 20 metros de carreira un pouquiño a pé, un pouquiño polo aire).

      Se para rematar o IRONMAN hai que achegar un temperamento de ferro e unha destreza metálica, para competir na xornada de Culleredo hai que posuír un 50% de xorne arborícola, un 40% de habilidade corticeira, un 5% de humor retranqueiro e un 5% de zume de toxo. Se te cres capacitada, se te cres capacitado, para superar todas as dificultades dunha superficie tan atractiva como esixente, acércate ata Culleredo e demóstrao. 

 Quen superará o WOODENWOMAN de Acea de Ama?





Ningún comentario:

Publicar un comentario