FINAL LNB 2018 continúa a análise.







Análise da Categoría Varados


Da Conferencia Norleste participarán Santi, Markytos, Charly, Regueiro, Pepe Outerio, Daniel e Tomás. Tres campións nacionais nesta categoría, Daniel, Regueiro e Markytos. Ademais de Santi, Charly, Pepe Outeiro e Tomás cun brazo para golpear a billarda e lanzala a máis de 50 metros, calquera deles pode ser o campión.
Na Conferencia Noroeste son Collazo, Xulio e Juan Carlos os finalistas. Collazo e Juan Carlos teñen potencial para ser campións. Cremos que Xulio fixo a maior parte dos seus varados en pavillón, daquela vai ser difícil que poida acadar os 50 metros sobre a terra do Castiñeiriño.
Esta temporada xogáronse máis xornadas en pavillón ca anterior, na Conferencia Rías Baixas, entón hai algún finalista que cremos non ten nada que facer nesta final máis que mazar o brazo e sobrecargar a musculatura. Así, Charri colouse entre os finalistas pola súa boa actuación en pavillóns, pero en terra vai ter moitas dificultades para alcanzar os 50 metros. Entre os demais hai dous campións nacionais desta categoría, Xan Rodiño e Che, e os clásicos aspirantes Ricar, Piru e Salva. Calquera deles pode proclamarse campión nacional 2018. Por outra beira están os novos finalistas Cho, Papi e Bego, quen teñen potencial para alcanzar os 50 metros. Finalmente está Juanma que vai ter moi difícil alcanzar os 50 metros, pois a súa potencia non está desenvolvida ao máximo. Temos que pensar que é un neno de 15 anos e a pesar de ter unha técnica de golpeo magnífica os seus golpes non poden alcanzar os 50 metros en terra.

De todos os xeitos, como o sistema de competición permite situar o varal a 40 metros se se mantén o empate despois de dúas quendas de 5 golpes, calquera podería facer varado nesta distancia. O que pasa é que para chegar a esa quenda final de desempate antes haberá que superar os 40 metros, polo menos unha vez en cada unha das dúas primeiras quendas, todos os demais que non o consigan quedarán eliminados.


Análise da Categoría Equipos

O total de puntos que pode conseguir un equipo é 120 ptos, pois ben, se analizamos as puntuacións dos últimos dous anos, nos que se competiu do mesmo xeito que se vai facer este ano, diremos que quen acade a mitade dos ptos (60) vai ter o título no peto. En canto a quen ocupará o podio, fixemos unha análise simplemente estatísticas considerando o potencial de cada equipo como a suma do posto de cada un dos xogadores na clasificación xeral. Despois, dividimos esta suma polo número de participantes totais da Conferencia á que pertence cada equipo. Canto máis baixo foi o resultado desta operación, consideramos que máis probabilidades terá o equipo de estar entre os mellores.
De todos os xeitos, as estatísticas non reflicten a realidade, xa que os equipos do Norleste, que aparecen no posto 6, 7 e 8 tiveron que botar man de xogadores que participaron moi pouco, mais que son de moi alto nivel se competisen habitualmente. Temos os casos de José María (Billardeiros), Javi Morán (Carabullo) e Tonecho (Chaínzos-Cadaval). Daquela, quen vaia apostar a ganador na porra da LNB que teña en conta todos estes factores. 
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario