CRÓNICA DA FIN DE SEMANA Baltar (A PASTORIZA), CASTROVERDE, COMPOSTELA

Baltar-A PASTORIZA

       "A Clave para a vitoria no Aberto do xabarín foi a concentración previa", estas foron as palabras de Ismael García xusto despois de recibir o premio como ganador do Aberto do Xabarín de Baltar, A Pastoriza. O palanador de Outeiro continuou analizando a súa vitoria ante os medios de comunicación presentes no evento con argumentos moi sólidos... e líquidos. "Uns vermús cos amigos, despois dunha boa churrascada, o café e algunha bebida espirituosa antes do aberto, fixeron que o grao de concentración fora o óptimo".


Os golpes de Navallo despertaban o interese d@s seareir@s. O golpeo deste palanador asturgalaico é único na LNB pola altura que alcanzan as súas billardas. Corre sangue de Palaio polas veas do xogador de Troitas Bravas e as inmensas paredes de Torrecerredo están sempre presentes nos seus ollos.
   

 Unha fase de 3 grupos a 3 carreiras. Pasaron á fase final 4 de cada grupo e formouse un único grupo de 12 xogador@s. Despois, foron 3 carreiras finais e un único campión: Ismael de Outeiro. Nesta fase final había dous Coroceiros Nacionais como Daniel Rodríguez (2013) e Chousa (2016), ademais de Pepe Vidal, Geni, Manu Pozo, Alvariño, Manu Caldeiro, Miguel Morán, David Navallo, David Saavedra e Borxa. Tod@s históricos xogadores LNB.
       Na primeira carreira un varado de Chousa e Isma sobre a herba de Baltar deixou sen opcións aos demais competidores. "Despois dese golpe de efecto só houbo que controlar os tempos e dosificar os golpes e a cervexa", afirmou Ismael.




  Tamén, houbo ocasión para que Troitas Bravas iniciara a reconquista dun posto de finalista LNB 2019. Deste xeito, activaron a estratexia de reforzar o equipo con novos talentos fichados a base de "Pau e cervexa". Desde a sección de comunicación do equipo da Pontenova confirmáronnos que o pau lévao Sachas e as cervexas ponas David Navallo. Entón, segundo nos explicaron desde o equipo troiteiro o plan é como segue: Davida Navallo convida ao pretendido reforzo a unhas birras e proponlle fichar polo seu equipo, se acepta, fenomenal, se non acepta entra en xogo Sachas que co seu palán é quen de convencer a calquera.










CASTROVERDE



        En Castroverde saben facer as cousas e como se da organización mesma do Tour de Francia se tratase cortaron a estrada principal que une a terra brava, verde e liberada do dominio dos Lemos e dos Altamira, co resto da comarca de Lugo.

Xan, de Madia Leva, golpeando desde o centro da estrada principal de Castroverde mentres o Jean-Marie Leblanc de Castroverde, Iván Alonso, ten o tráfico desviado.

        A expectación en toda a comarca foi máxima, pois, ademais do aberto de billarda presentábase de xeito oficial o novo escudo do equipo de billarda castroverdiano.

      O desenvolvemento do aberto estivo condicionado pola alta temperatura e o asfalto. Esta superficie aumentou a sensación térmica ata chegar a derreter bastante unto dos corpos humanos que levaban varios días acudindo a festivais, festas patronais e romarías. Daquela, só resistiron o esgotamento físico, que resulta da excesiva queima de lípidos, aquelas persoas que tiñan reservas de abondo.  Non é necesario explicar máis. Con mirar a foto do podio é suficiente.

2º-ISMAEL      1º-XAN      3º-MANU CALDEIRO


CATEGORÍA FEMININA 1ª-BRENDA

Ismael, ganador o día anterior do Aberto do Xabarín (Baltar-A Pastoriza)  agarrándose ao asfalto para confirmar o seu dominio na época estival. Segundo afirma o palanador de Outeiro, os seus excelentes resultados nos abertos de verán teñen difícil explicación... excepto se buscamos a causa na Santa Sede. Santa Sede que se empeña en evitar consumindo un líquido amarelo que combustiona moi ben coa madeira da billarda.

Manu Caldeiro é un talento da Terra Cha que nuns anos convertirase nun dos grandes da Conferencia Norleste







COMPOSTELA



       No Camposanto de Bonaval, en Compostela, a LNB organizou un ano máis o Aberto do Día da Patria. Na lembranza de tod@s estivo Xosé da Flor (o cartel represente ese momento histórico) quen no ano 2012 xogou sobre esta herba o Aberto do Día da Patria. Coa participación de representantes das tres Conferencias Galegas os nichos de Bonaval escoitaron de novo o son da madeira contra a madeira.

Iván Alonso golpea sobre a herba santa de Bonaval


      O terreo delimitado polos nichos abandonados do cemiterio de Bonaval é un lugar ideal para xogar á billarda. Ademais, permite realizar fotos incribles desde as alturas do teito deste antigo cemiterio.




 

      A participación do coroceiro actual, Che, doulle maior prestixio ao aberto. Pero, sen lugar a dúbidas, o acontecemento máis salientable foi a participación do histórico palanador de Faísca, Pinto. O retorno de Pinto á alta competición foi a nova leda da xornada. O de Faísca regresou da súa estancia na Bretagne e está buscando equipo para a nova temporada, xa que ao desaparecer o equipo de Vigo quedou como axente libre.

Aquí vemos a Pinto negociando con Julio Vilas a súa futura fichaxe por APB SANTA MARTA


Pinto facendo malabares para ver se algún equipo se interesa polos seus servizos


Pinto realizando un golpe. Está recuperándose dunha lesión grave e aínda non está en boa forma, mais garantiza que para o comezo da nova temporada estará a tope





PODIOS
3º-CRIS      1º-XAN RODIÑO       2ª-ADRIANA


3ª-CRUZ        1ª-TANIA       2ª-BELMIRA




NANUQ        1º-MIGUEL CANCELA       AKI



1 comentario:

  1. So decir que no aberto de Baltar, participaron 8 mulleres e non 4 (25 homes e 8 mulleres).

    ResponderEliminar