TORNEOS ABERTOS DE BILLARDA no verán

        Magnífica participación (30) no aberto das Cereixas a pesar da climatoloxía chuviosa. Ademais, competiron 7 xogador@s en categoría infantil, algo marabilloso para esta zona noroeste da LNB, xa que permite contar cun relevo xeracional. O triunfo absoluto de Abel Ponte é un claro indicador do progreso deste neno e de que o relevo dos dous grandes dominadores das finais infantís da LNB dos últimos anos, Juanma e Adriana, podería estar na Conferencia Noroeste. O dominio aplastante das Rías Baixas na categoría infantil veu da man de prodixiosos xogadores de billarda como Brais, Adrián, Juanma e Adriana. Mais, no noroeste estanse xestando futuros campións que, co permiso de Martiño e Óscar Caldas, esta vindeira temporada 2018-2019 estarán capacitados para loitar, por vez primeira, con posibilidades de obter o Título LNB Infantil. En definitiva, Xián, Adahi, Miguel Cancela, Dani e Óscar García forman parte do viveiro LNB Noroeste que coida, prepara e estimula talentos da billarda. 

       Xa temos os datos de participación nos TAB de xuño. 




       O último Aberto do mes foi o celebrado o sábado 30 de xuño en Paiosaco. Hai que salientar a participación do Coroceiro 2018, Che, de Rinoceronte. Por vez primeira, despois do seu Título Nacional, o Rino participou nun Torneo. Tanto festexo, tanta recepción das corporacións municipais e tanto pregón en festas patronais pasoulle factura ao Coroceiro. Deste xeito, non pasou nin a fase de grupos. Ao seu favor hai que resaltar que a superficie de cemento do pavillón do IES Agra de Leborís non é axeitada para o seu estilo de xogo. Así, o teito do pavillón e as paredes do fondo do varal sufriron os impactos das billardas e do corno do Coroceiro. 
        





      Por favor, todo colectivo que queira ter a participación do Coroceiro nun torneo de billarda debe contar cun espazo tipo "sabana", pois as necesidades especiais do noso Campión así o esixen. 









       E xa está programado o próximo Aberto de Billarda. Será na Escola Naval Militar de Marín.




Aviso da Organización "Gharaboto": para acceder ás instalacións da Escola Naval haberá que identificarse na entrada (DNI). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario