RÍAS BAIXAS
A xornada 5 de Cangas foi a primeira que se xogou con temperatura de Outono. O nordés estivo presente, combinándose cun ceo despexado en algúns momentos e noutros instantes cun ceo cuberto de escuras e húmidas nubes. A choiva presentouse antes de comezar, para despois desaparecer ata a última carreira. Nos cruces eliminatorios as pingas xeadas caeron con firmeza, como se quixesen presenciar o desenlace da xornada, pois, ao rematar deixou de chover.
De todos os xeito,
palanadoras e palanadores soportaron a visita do frío. Quen utilizou
a substancia recomendada pola LNB, o BILLANAL, non tivo problemas
para aguantar á intemperie. Así, Ricardo Lois conseguiu a súa
primeira vitoria nunha xornada LNB e con isto entra no Alboio da Fama (ALFA). O do Grove empezou dubitativo e
pasou como cuarto do seu grupo. Non obstante, para enfrontar as
eliminatorias, os seus compañeiros de equipo aplicáronlle unha dose
de BILLANAL... e, ... man de santo! Cho foi segundo e Xan Rodiño
terceiro.
Na Categoría de
Equipos ganou Armadiña, grazas, sobre todo, ás actuacións
fabulosas de Cho e Manu, moi ben secundados por Vixo e Papi. Segundo foi Lúa de Forza. O capitán de Lúa de Forza obrigou aos seus
compañeiros e compañeiras de equipo a usar BILLANAL. Unha decisión
impopular nun primeiro momento, mais os resultados finais confirmaron
que o produto é eficaz para soportar as inclemencias do tempo.
Corredoiras foi terceiro.
Bego foi primeira
en Categoría Feminina, segunda foi Elena Glez. e terceira Zaira. En
Categoría Infantil ganou Yaiza, seguida de Óscar Caldas e de
Adrián. En equipos femininos foi primeiro Valpaços Terra Quente,
segundo Gharaboto e terceiro Corredoiras.
Despois de sumar os puntos da xornada de Cangas, podemos destacar o acontecido na Categoría de Equipos, na que sucedeu un feito histórico. O feito foi que a hexemonía do equipo de
Bueu, Corredoiras, campión LNB nas dúas últimas temporadas, foi rota polo
actual subcampión LNB, Lúa de Forza. O cambio de líder provoca
unha xuntanza de urxencia do seu equipo directivo. Hai que entender
que o acontecido é de tal transcendencia que hai que botar man do
arquivo estatístico histórico para encontrar que... Corredoiras levaba
desde a primeira xornada da temporada 2015-2016 encabezando a clasificación xeral
de xeito ininterrompido... si, ledes ben. O equipo de Bueu estivo 54
xornadas seguidas en primeira posición da Clasificación Xeral de
Equipos. Isto significa un dominio absoluto durante 3 temporadas,
algo que non conseguiu ningún outro equipo LNB e que vai ser moi
difícil de superar. Salientar a vitoria de ARMADIÑA na xornada. Por terceira vez na súa curta historia o equipo de Poio gana unha xornada LNB. O gran momento de forma de Cho (1º e 2º nas dúas últimas xornadas) e Manu está levando ao equipo celeste a acercarse ao seu obxectivo de clasificarse para a Final LNB 2019. Situouse a 20 ptos da terceira praza que ocupa Gharaboto. Rinoceronte, Valpaços e Laxe de Rons, semella que deberán loitar pola zona media da táboa.
A Clasificación
Absoluta, despois da quinta xornada, ofrece unha situación privilexiada para Juanma Camiña, quen na súa primeira temporada como senior está demostrando o potencial que se lle supoñía, despois do seu paso vitorioso pola Categoría Infantil (2 títulos LNB e 3 de Conferencia Rías Baixas). Son 13 os puntos nos que avantaxa a Piru. O da Adina continúa segundo. Cho alcanzou a terceira posición do podio. Ricar e Xan Rodiño cerran o G-5. Estas 4 xogadores están agora separados entre eles por 1 pto. Fari, Luís Camiña, Manu, Ricardo Lois e Carolo completan o G-10. Entre o último clasificado do G-5 e o primeiro do G-10 xa hai 23 ptos. Esta situación fainos pensar que o Campión desta temporada e os postos de podio deberían estar entre aqueles 5 palanadores.
A Clasificación Feminina xa está encabezada pola gran favorita para o título, Bego Ríos. A palanadora de Bueu superou á actual Campioa Nacional, Adriana. Pero, a distancia entre as dúas é unicamente dun punto. Elena Sabarís cerra o podio. A de Combarro tivo unha xornada "baixo cero". Decidiu non aplicarse o BILLANAL e os resultados foron moi diferentes aos dos seus compañeiros de equipo que si optaron polo supositorio milagroso. Boa xornada de Elena Glez. A da Torre empeza a remontar (dous podios nas dúas últimas xornadas) e xa se sitúa a un só punto da terceira posición. Non hai que esquecer que Elena ten un Título de Conferencia e 3 podios Nacionais, polo tanto, é unha das destacadas palanadoras da LNB. Que ninguén a descarte para o podio, e quen sabe se para o Título.
Na Categoría de Equipos Femininos Valpaços Terra Quente de Vigo volveu ganar a xornada. Desta vez, ganou cun punto máis ca Corredoiras e Gharaboto, o que fai que se manteñan as distancias nas tres primeiras posicións. Son 19 ptos os que separan ao equipo da Terra Quente de Gharaboto. Estes dous equipos, de novo, son os grandes favoritos para o Título da Categoría. Corredoiras xa está moi lonxe e, ademais, van ter a baixa de Chefa proximamente co que as súas posibilidades de título redúcense demasiado. Armadiña podería acercarse ao equipo de Bueu, sempre que a súa xogadora franquicia, Elena Sabarís, recupere a temperatura normal. Lúa de Forza buscará aproveitar os efectos do BILLANAL en Marisa (aplicáronlle varias caixas de supositorios xuntas para pasar o inverno). Laxe de Rons conta cunha única xogadora, Lita, daquela deberá conformarse con sumar puntos de vagar.
A Categoría Infantil segue encabezada por Óscar Caldas. Yaiza é segunda, a 15 puntos, e Hugo terceiro, a 23 ptos. Pensamos que entre est@s 3 estará o podio, pois os demais nenos e nenas son demasiado cativ@s para ter posibilidades reais de manter a regularidade. A pesar de que todo indica que o gran favorito é Óscar, non descartamos que Yaiza lle faga fronte, pois a evolución da de Vigo é espectacular. Comezou a xogar á billarda a finais do 2016 e, naquela época, estaba aprendendo os fundamentos básicos de poñer ben a billarda no chan e de intentar acertarlle na punta para que o pau brincase no aire. Dous anos despois ten unha técnica magnífica de golpeo. O traballo de adestramento do equipo de Vigo está dando os seus froitos. Xa está florecendo outro talento feminino, como lle sucedeu a Adriana. Fenomenal a canteira olívica ! A madroa xa non é o único viveiro de deportistas, tamen o é... a pista do centro cívico de Teis.
ALBERTE PAGÁN |
ALEXIS |
MANU |
CARME NAI |
PAPI |
RICAR |
TAXEIRO - LUÍS CAMIÑA |
ANTÍA |
MARÍA GOLO |
A AMEAZA DO IMPERIO NORDÉS |
NORLESTE
Charly foi o vencedor, seguido do seu compañeiro Albino e de Coedo. Chousa mantívose firme e mantén o liderado. Albino queda segundo e Sachas terceiro. O G-5 complétano Coedo e Manu Pozo. Despois, Daniel, Paula, Pepe Outeiro, Regueiro e Noé cerran o G-10. Destacar a posición de Paula, quen está nun momento de forma excelente que a coloca en condicións de optar ao Título Feminino, cousa que sería de salientar, xa que, significaría quedar por enriba da máis grande palanadora de todos os tempos da LNB, Geni. Non obstante, a da Terra Chá ten un potencial para enfrontar ese enorme reto.
A Categoría Feminina está entretida pola gran actuación nestas 3 xornadas de Paula, pois o rendemento de Geni xa o coñecemos. Para derrotar á bicampiona LNB haberá que ser moi regular nas 13 xornadas, cousa que Paula non conseguiu nas temporadas anteriores. O potencial de golpeo da de Chaínzos é tremendo, pero deberá competir coa eficacia de golpeo de Geni (ten un porcentaxe de acerto no golpe case de 100%). Despois, están Ana e Sara que pouco a pouco están acercándose a prestacións similares ás dúas grandes. Soamente lles falta aumentar o porcentaxe de acerto no golpeo aéreo, pois, teñen potencia nos seus bíceps para efectuar golpes de longa distancia. Lorena, Chinita e MariCarmen estarían entre as palanadoras da zona media, pero que en moitas xornadas poden estar cerca dos primeiros postos. Outro caso diferente é o de Lola Eiras, xa que, cremos que o seu potencial está cerca do podio da Categoría, mais ao faltar a varias xornadas, de momento está lonxe. Carme e Lucía, ao faltar a algunha xornada, están lonxe de momento.
NORLESTE
Óscar Ponte subiu ao máis alto, pero... de xeito literal. Subiu ao máis alto do teito do pavillón para recuperar unha billarda e, tamén, ao máis alto do podio, pois, ganou a xornada. En equipos, unha xornada máis, e van 24 seguidas, Campo da Feira ganou, aínda que o fixo cunha vantaxe de só 4 ptos sobre APB Santa Marta. Os dirixentes do equipo de Paiosaco mostraron a súa preocupación polo baixo rendemento de Edu. A piques estivo de custarlles a xornada e romper a racha de xornadas seguidas ganando. Pola súa parte, o equipo da Santa da Laracha tivo en Kevin ao seu xogador franquicia da xornada. Estivo preto de conseguir a vitoria.
Agora, a Clasificación Absoluta volve a estar encabezada por Collazo. A sete ptos queda Juan Carlos e terceiro é Xulio Ponte. Podemos destacar a situación de Merche, que despois de 5 xornadas está ao ladiño do G-5. E ollo que Lito, Gándara, Roi, Andrade, Luís Mato e Añón, por diversos motivos, están fóra do G-10, cousa que vai desencadear unha loita descarnada por entrar nas posicións de privilexio. Todos estes son palanadores de Final LNB, mais non caben todos, polo tanto, a emoción está garantida. A participación segue sendo fenomenal.
KEVIN |
CARMELA |
CHARLI VARELA |
ÓSCAR PONTE |
No NorLeste está mal o poido. Coedo oi segundo e Albino terceiro.
ResponderEliminarDe acordo, grazas por avisar. En breve, ou sexa... xa!, será corrixido.
ResponderEliminarXA ESTÁ MODIFICADO O PODIO NORLESTE DA 3 XORNADA DE TRABADA.
ResponderEliminarCERTAMENTE, SUSO COEDO QUEDA MOITO MELLOR Á DEREITA, QUE NO CENTRO... DA IMAXE..