TODOLNB fala con... María Mercedes Castro Rama MERCHE



Nome e apelidos: MARÍA MERCEDES CASTRO RAMA “MERCHE”
Lugar e data de nacemento: CARBALLO 1972-06-04
Lugar de residencia: CARBALLO
Ano de debut: 2014
Equipo actual: APB SANTA MARTA




-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O meu primeiro contacto foi no Festival Terra Brava do Incio, no verán de 2014. Fun con Julio vilas e Xosé Collazo. Ese día non xoguei que me daba vergonza. Estiven toda a tarde sacando fotos, pero vin ganar a Julio e empezoume a gustar. Empecei a xogar esa mesma temporada.
-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
Penso que a mellor maneira é acudir ás escolas e ensinarlles á rapazada o divertido que pode ser xogar á billarda.
-Cales son as túas principais virtudes como xogadora de billarda?
Pois, segundo o meu adestrador persoal, destaco polo meu empeño e ilusión por facelo cada vez mellor.
-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Creo que debo mellorar en todos os aspectos, pero, tamén me vexo con ganas de facelo.
-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia: TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN
Herba, terra, asfalto, cemento, area e pavillón
-Que opinas das túas posibilidades de clasificarte para a Final LNB na Categoría Individual Absoluta?
Non creo que teña moitas posibilidades de estar entre os dez primeiros postos da miña Conferencia Noroeste, aínda que estou disposta a intentalo. Sería marabilloso xogar unha Final LNB Individual Absoluta, ao lado de Bego e Geni, que son o meu exemplo a seguir. Admíroas moito.
-A que outras xogadoras vés con condicións para disputarche o título de Conferencia no futuro?
Véxolle moita melloría no seu xogo a Cruz. Este ano está a facelo moito mellor. Mariña tamén mellora día a día.
-Vés posible que esta temporada remate o dominio de Corredoiras, Billardeiros Musicais e Campo da Feira nas súas correspondentes Conferencias?
Os tres equipos son moi fortes, polo tanto, vai ser moi difícil botalos fóra do primeiro posto.
-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo APB SANTA MARTA?
A nosa fortaleza é a determinación e o empeño que poñemos en mellorar, e a debilidade é que somos poucos xogador@s.
-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
O principal obxectivo do noso equipo é gozar e pasalo ben. En canto a min, seguir por diante de Julio Vilas, por suposto. Jajaja...


       Merche provén da fecunda comarca de palanadoras de Bergantiños. Foi descuberta pola atenta e precisa mirada de Julio Vilas, un dos máis destacados axentes de xogador@s da LNB. Os detalles exactos non os podemos narrar, pero, si podemos afirmar que nada máis vela, Vilas, xa apreciou a súa precisión de golpeo e o seu armado de brazo perfecto. Pensou para si que só había que pulir a colocación do seu tronco e a flexión das pernas. Dito e feito, levouna ata o Incio para que coñecese a esencia do xogo tradicional sobre un terreo rústico e silvestre, como nos vellos tempos. Despois daquela primeira experiencia, o perfume da madeira conquistou todas as células de Merche. O demais foi rodado. Visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, sesións intensivas de adestramento, alimentación frugal e... o seu talento innato floreceu.
     Na actualidade, Merche, está sendo a dominadora da Conferencia Noroeste en Categoría Feminina desde o 2016. Por outra beira, esta temporada o seu xogo deu un salto de calidade e está loitando polos postos que dán dereito a participar nas Finais LNB na Categoría Individual Absoluta. 
       Salientar que Merche é a primeira persoa que ten a súa escultura no Museo de Madeira da LNB, no MUMAL. Así, a súa silueta foi magníficamente modelada polas creadoras mans do mestre Gándara, quen sacou o xesto perfecto e o volume exacto do anaco de madeira dentro do cal estaba metida Merche. Este Museo, con sede en Fornelos, tamén é coñecido polo alcume de GANDARAHEIM. A intención do seu fundador, José Gándara, é a de inmortalizar a tod@s @s palanador@s da LNB en formas e volumes que sabiamente saca da madeira.
        









Ningún comentario:

Publicar un comentario