TODOLNB fala con ... Eduardo García Santiago

       Home de poucas, pero, firmes conviccións, fiel e incansable defensor dunha terra e dun xeito rural de entender o mundo. Infatigable loitador nas causas xustas e solidario coas persoas que o precisan, este é Eduardo García Santiago. Un galego nacido na diáspora e que chegou ao mundo LNB desde Paiosaco, lugar coa maior densidade de palanadores da provincia da Coruña. Unha persoa que se fai querer sen el querelo... ou querendo, vai ti a saber? 
      O certo é que a súa presenza nutre de alegría ao grupo e sen el non se entendería unha mañá de billarda na Conferencia Noroeste. O seu dominante músculo dialéctico fai a ledicia de pequenas e pequenos, farta a algún anarquista de Gabenlle e, sobre todo, desarma aos rivais. En definitiva, aglutina as mellores calidades do noso caracter galego e achega esa melancolía traíada da diáspora que lle dá un único e inconfundible pouso de cordialidade e tristura.





        Comezou de xeito dubitativo a súa relación afectiva coa billarda. Deste xeito, durante as dúas primeiras temporadas estivo nun segundo plano competitivo, pois non lle daba encontrado o aquel a esta ferramenta de xogo tan sofisticada. Mais, todo trocou no Temple, en abril de 2017. Segundo el confirma, veu a luz ao final do tunel cando varios palanadores das Rías Baixas participaron na xornada 9ª, do 2 de abril de 2017, no Temple, Cambre. Aquel día puido ver en directo o estilo espectacular, á vez que efectivo, destes palanadores e a partir de entón, o de Paisaco cambiou a súa técnica de golpeo. A temporada seguinte xa rematou no podio da Conferencia (3º posto) e ganou a súa primeira xornada LNB. Esta temporada mantense no podio da xeral e o único motivo polo cal non se vé como aspirante ao título é por acatar as ordes do seu xefe de equipo, o anarquista xa mencionado.
        Edu participa en toda actividade cultural, musical, gastronómica, deportiva, laboral e intelectual que pode. Sempre manifesta a seu amor pola terra e un máximo respecto a quen opina diferente a el. Na súa ansia por normalizar a práctica da billarda, involucrouse na liña estratéxica de chegar ao medios de comunicación, para que estes servan de altofalantes que espallen o son dos golpes da madeira contra a madeira por todo o país. O certo é que desde que Edu se encarga do gabinete de comunicación da Conferencia Noroeste a presenza da LNB nos medios é constante. 





Nome e apelidos: Eduardo García Santiago
Lugar e data de nacemento: Lugano(Suiza), 1967-05-07.
Lugar de residencia: Paiosaco
Ano de debut: 2015
Equipo actual: Campo da Feira



-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
    Foi en Caion. Levoume Xulio Ponte e probei, despois tiven dúas tempadas a trompicóns, nin estiven centrado, nin motivado debido a problemas cotidiáns.

-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
    Daría a coñecer a billarda nos colexios, pero, temos un inconveniente hoxe en día, e pasa co futbol e cos demais deportes, os nenos e as nenas teñen na súa testa o móvil e a play. Ou facemos un xogo da billarda para play ou vai ser moi difícil. Outra acción importante é o boca a boca de cada un dos xogadores, pois é o que máis está funcionando hoxe en día. Digo isto polos exemplos que estou vendo no campo de billarda.

-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
   As miñas virtudes son o espírito deportivo, a constancia para nunca darme por vencido, as gañas de aprender e mellorar e a confianza de creer que si podo.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
   Eu creo que a parte psicolóxica estouna adestrando, sobre todo, a parte da motivación.

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
   Eu son de herba, ja, ja, ja... sempre. Despois terra, área, asfalto, cemento e... non podo ver os pavillóns!

-A día de hoxe ninguén da Conferencia quere que o sorteo inicial te leve ao seu grupo. Témente máis pola forza dos teus golpes ou do teu incansable músculo dialéctico?
   Sen dúbida, polo músculo dialéctico, porque me traballo ao persoal antes do golpeo, pois, como dicía unha frase china, “a maior parte das batallas son ganadas antes de ser loitadas. Iso si, cando vai golpear non molesto.

- As túas dúas primeiras temporadas na LNB foron mediocres en canto a resultados. Pero, semella que todo cambiou un 2 de abril de 2017 en Cambre, 9ª xornada. Era a primeira vez que chegabas a unha final e...cóntanos como viviches aquel acontecemento que cambiaría o teu futuro na LNB.
   Aquel día lémbrome que viñera xente das Rías Baixas. Subín por primeira vez ao podio (2º posto). Foi parecido ao deste pasado domingo na Sardiñeira, veu xente das Rías Baixas e subín por primeira vez esta temporada ao podio (3º posto). Nas dúas ocasións motiveime coa apócema de Edu, “café con jotas e lume”. Son un xogador de motivacions!

-Quen cres que son os xogadores con posibilidades de ser Campións de Conferencia?
   Eu Teño medo de Miguel, Abel, Marc, Carmela e Mariña, despois, en segundo plano... hai moita competencia, tería que nomear a toda a conferencia.

-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
   O que se esta facendo, levando de boca en boca... cada xogador que espalle a billarda en todos os ámbitos que poida, redes, radio, prensa e televisión... se non loitas, perdes.

-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Campo da Feira?
   “O talento gaña partidos, pero o traballo en equipo e a intelixencia gañan campionatos”, dicía Jordan. En Campo da Feira temos un nivel de xogo moi alto en case todos os xogadores. Se falla un, está outro. Un exemplo foi o do ano pasado nas finais de Compostela, eu tiven un día malísimo e case facemos podio.

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
   O meu obxectivo este ano é seguir xogando á billarda por motivacions, pásalo ben e coñecer a moi boa xente neste mundo da billarda, despois, o demais xa virá... non me preocupa! Colectivos... os xogadores de Campo da Feira son comprometidos co que fan... hay algún anarquista, pero xa o deixan facer pola súa conta.

-Como están de avanzadas esas negociacións con Radio Marca para que a LNB dea o salto ás ondas hertzianas estatais?
   “Imposible is nothing”, dicía un slogan famoso. Pois, como di Egasa, o nome da billarda xa soa na Radio Galega. Marca, Ser, Cope... estase a falar con elas, pasiño a pasiño, pero con camiño percorrido.






         Se por algo se caracteriza Edu é por innovar a cada instante. Como el mesmo recoñece o seu estilo de xogo é herdeiro da cruz, con influencias das Rías Baixas e pingas de licor café. Daquela, creou á posición araña, que denomina a unha peculiar maneira de colocarse para dar o golpe de elevación da billarda. No golpeo de desprazamento mostra o refinamento sureño, a eficacia Bergantiñá e o poderío herculino.




       Ademais, de todas esas virtudes mencionadas, o de Campo da Feira mostra unha aséptica e cirúrxica ironía na analise da realidade social. Entón, despois de recibir varios avisos fonéticos do director deportivo do equipo de billarda de Paiosaco, decidiu optimizar os recursos naturais limitados do planeta e contribuír con isto a reducir o efecto invernadoiro. Polo tanto, púxose en mans do médico do equipo, para solucionar unha lesión abdominal que lle estaba impedindo golpear a billarda con todas as súas forzas. Temos as imaxes da metamorfose. O novo EGASA mostrará a súa imaxe mellorada no Aberto de Fin de Ano do 31 de decembro, en Paisaco.


CRÓNICA RÍAS BAIXAS e Abertos de Billarda en Nadal






       A xornada de Beluso elevou ao máis alto do podio a Ricar, quen está acelerando o paso para seguir tendo posibilidades de título. Juanma mantén o primeiro posto, aínda que vé aproximarse aos pesos pesados da Conferencia. Ricar fixo 20, 26 e 27 ptos nas 3 últimas xornadas o que lle supuxo subir ata a terceira praza e acercarse ao líder indiscutible Juanma. Xunto con el, os únicos que nestas 3 xornadas últimas estiveron na vintena de ptos ou máis son Xan e Luís Camiña. O de Lúa de Forza continúa moi de vagar acercándose ao primeiro posto e o de Marín xa se sitúa quinto. Fantástica xornada para Salva, Outeiro, Vari, Ricardo Lois, Daniel, Che e Manu. Todos estes palanadores chegaron á vintena de ptos.





      Na Categoría Feminina, houbo moita igualdade nas puntuacións das xogadoras que ocupan as primeiras posicións na xeral. Deste xeito, Lu ganou a xornada con dous ptos de vantaxe sobre Bego e Adriana. A agradable sorpresa foi a magnífica actuación de María Golo, quen xogaba na casa e notouse. Pasou de grupo sendo terceira e só a súa inexperiencia nos enfrontamentos de cruce eliminatorio puido derrotala. Belmira, María Martínez e Marga Puente foron as outras palanadoras que chegaron á decena de ptos. 

         

        O equipo local, Corredoiras, fíxose co triunfo na xornada, pero só superou por 7 ptos a Lúa de Forza. O equipo de Bueu agradeceu a reaparición de Outeiro e botou en falta os ptos de Fari. Lúa de Forza contou coa gran actuación de Lu e Chicho para manter a distancia co líder nunhas cifras moderadamente optimistas. Gharaboto sustituíu a falta de ptos do seu xogador franquicia, Piru, coa destacada achega de ptos por parte de Vari e a consistencia de Luís Camiña. O equipo de Marín foi terceiro con 75 fenomenais ptos. Rinoceronte e Armadiña conseguiron 58 ptos. Os Rinos Che e Daniel esforzáronse ao máximo para diminuír o impacto negativo da falta de asistencia de Cris. Así, coa inestimable colaboración de Alberte e José Manuel, lograron 58 puntazos co número mínimo de xogadores. Manu xa se converte no xogador franquicia de Armadiña? Despois de subir por segunda vez ao podio nesta temporada, podemos dicir que o equipo de Poio ten en Maquieira a un relevo natural de Cho, para cando o de Combarro naufrague noutro pavillón. Valpaços Terra Quente tivo unha moi boa actuación con 55 ptos, pois non se podía esperar que tivesen outra xornada como a anterior en Vigo, dado que lle faltaron xogador@s de moito nivel, como Tania e Salgue. Laxe de Rons notou as ausencias de Gerardo Torres e Chichí, mais así e todo conseguiron 43.  





       A Categoría de Equipos Femininos tivo de novo a loita entre os dous grandes equipos da competición. Desta vez, foi Valpaços que ganou, pero só con dous ptos máis ca Gharaboto. Terceiro foi Corredoiras e cuarto Lúa de Forza. Valpaços contou con 4 xogadoras e todas puntuaron. A xogadora franquicia Adriana lidera un grupo de mulleres fabulosas que cando falta Tania móstranse moi firmes no seu empeño por puntuar. Non nos cansamos de destacar a actuación de Carmen Pazos, quen con 84 anos conseguiu 5 ptos para o equipo. Gharaboto, con máis músculo competitivo, presentou a 10 xogadoras. Esta temporada pensamos que o equipo de Marín formou un equipo feminino con potencial para disputar o Título que o ano pasado tiveron moi lonxe. Corredoiras formou un equipo de futuro coas incorporacións de Yudani e María Golo. Bego e elas dúas deben manterse para que cando regrese Chefa poidan asegurar a terceira praza do podio. Armadiña está notando os poucos ptos de Elena Sabarís nas últimas xornadas, pero, por outra beira, encontrámonos cunha renacida Laura, que despois do seu embarazo volveu transformada e o que antes era soamente o pto de participación convertiuse en 13 e 6 ptos nas dúas últimas xornadas. Outras xogadoras de Armadiña están pensando se pedir aos reis magos un embarazo.




  Agora quedan deste xeito as clasificacións nas primeiras posicións









     Para confirmar que algo cambiou no rendemento dos equipos e que se produciron varios "sorpassos", nada mellor que mirar a clasificación do ano pasado nesta mesma xornada. Corredoiras fixo esta temporada 14 ptos menos, Lúa de Forza 69 ptos máis, Gharaboto 11 ptos máis, Armadiña 85 ptos máis, Rinoceronte 11 ptos menos, Valpaços 56 ptos máis e Laxe de Rons 8 ptos menos. En resume, o equipo que máis mellorou é Armadiña e o equipo que máis ptos perdeu en relación á temporada pasada é Corredoiras. 
       Deste xeito, en canto a posicións, a única que non sufríu alteración foi a de líder, que continúa en poder de Corredoiras. Lúa de Forza superou a Gharaboto no segundo posto, Armadiña a Rinoceronte na cuarta posición e Valpaços a Laxe de Rons na sexta, sempre comparando coa temporada pasada por esta época. 

      


       En Equipos Femininos, recuperou a primeira posición o equipo de Vigo, aínda que empatado a ptos con Gharaboto. Preciosa disputa a que teremos esta temporada ata o final, pois Gharaboto subiu de nivel coa incorporación de María Martínez e Valpaços bota en falta os ptos de Tania. Será quen o talento de Adriana de guiar ás súas compañeiras ao triunfo final ou o cadro de xogadoras máis numeroso da franquicia de Marín acabará impoñendo o seu dominio? Veremos e gozaremos con cada golpe. 




SAÚDE e Billarda!                               AMOR e Billarda!


para o 2019!





    Antes de finalizar o ano 2018, aínda quedan tres Abertos de referencia. Un na área da Conferencia Rías Baixas, o Aberto da Mestría de Billarda 2018 (Pontevedra. Antigo Master que mudou de denominación), outro na área da Conferencia Norleste, o Aberto Xosé da Flor (Meira), en homenaxe ao que foi compañeiro de xogo durante moitos anos, e outro na Conferencia Noroeste: o Aberto de Fin de Ano (Paiosaco). Para todas aquelas e todos aqueles a quen tanta festa sen xogar á billarda se lle fai costa arriba tendes estas tres citas no calendario de Nadal.












ÚLTIMA XORNADA DO ANO CON POLÉMICA na Conf. RÍAS BAIXAS

      A última xornada na Conferencia Rías Baixas está condicionada pola polémica foto de Charri vestindo a camisola de Lúa de Forza. O de Bueu finaliza a relación contractual con Correodiras en 2019. Aínda que está nun dos mellores equipos da LNB, bicampión Nacional e dominador absoluto da Conferencia Rías Baixas, o veterán e talentoso xogador non se sente valorado. O seu xogo deslumbrante de encaixe e filigrana non acaba de ser ben visto dentro do vestiario. A temporada pasada xa estivera a piques de abandonar o equipo do Morrazo pola franquicia verde do Salnés. 
     Esta fichaxe podería desequilibrar o dominio dos últimos anos na Conferencia. O certo é que Lúa de Forza non confirmou nin desmentiu que exista un preacordo para incorporar a Charri. Deste xeito, espérase unha xornada tensa entre xogador@s de ámbolos dous equipos, tendo en conta, ademais, que os separan na xeral, soamente, 14 ptos. 






        Finalmente, a xornada xogarase na pista de caucho do pavillón de Beluso. Este tipo de superficie non se comporta como outras superficies cubertas. Así, non é doado facer varados e o impacto da billarda sobre o chan ten consecuencias imprevistas, en canto á dirección que toma despois a billarda.


ACTUALIDADE LNB. Norleste: aparece Brandon. Noroeste: as cousas no seu sitio. RÍAS BAIXAS nova xornada

NORLESTE


Rescate do soldado Brandon (Troitas Bravas) por un palanador de Rinoceronte, Iván. 

       A preocupación inicial pola desaparición da nova fichaxe de Troitas Bravas veuse calmada despois de ver este vídeo. Nel Iván, de Rinoceronte (Pontevedra), rescata a Brandon na noite pontevedresa evitando que Lúa de Forza se fixese cos seus servizos. Isto indica que Brandon foi raptado. Unha vez recuperado o bravo xogador troiteiro, o equipo pontevedrés cedeu un dos seus cortellos para que Brandon pasara a noite. A intención dos Rino é envialo de volta a terras do norte, onde os seus compañeiros e compañeiras de equipo o esperan cos paláns prestos. As imaxes son moi impactantes, pois o de Detroit aínda estaba baixo os efectos narcotizantes dunha substancia que os seus raptores de Lúa de Forza lle suministraran. 





NOROESTE

      Despois das múltiples manifestacións de disconformidade coa liña editorial de certos xornais da comarca de Bergantiños, DxTcampeón pon as cousas no seu sitio e destaca, como se merece, a vitoria de MAC en Castelo.







       
RÍAS BAIXAS







CRÓNICAS Noroeste e Norleste

NOROESTE

      Os resultados da 9 xornada de Castelo deixaron dous feitos que xa pasan á historia estatística da LNB. Charly Varela gana a súa primeira xornada LNB. MAC gana a xornada na categoría de equipos e interrumpe a xeira de vitorias consecutivas de Campo da Feira. A marca a bater queda en 27 xornadas ganando de xeito consecutivo. Vai ser difícil superar esta marca, pois a anterior tíñaa o equipo número 1 da historia da LNB, Billardeiros Musicais, quen nos seus mellores momentos só alcanzou a ganar 13 xornadas de seguido.







   


        Non sabemos se a vitoria de MAC se difundiu o suficiente. Por se acaso, queremos destacar que a UTE (Unión Temporal de Equipos) entre Malpica e Cochiqueiros empeza a dar os seus froitos. Esta fórmula de asociación é pioneira na LNB. Xa se dera algún caso de OPA hostil, na que algún equipo desapareceu e outro engordou cos seus xogadores e xogadoras. O último caso é o de Remourelle que lanzou unha OPA a Ekipa Bítere e logrou fortalecer a súa franquicia a costa da desaparición deste último equipo. Mais, a primeira experiencia de UTE é a destes dous equipos da Conferencia Noroeste. 
    Esta gran vitoria fundamentouse na actuación de Lito, o xogador franquicia, e na actuación de Berdillo, quen despois de ser rescatado das mans dun intermediario que lle ofrecera un contrato millonario na PANDOLO SLOVENIJE LIGUE, xa se centrou no obxectivo desta temporada, conseguir unha praza de finalista para o seu novo equipo. En conclusión, a praza do primeiro posto non está en perigo, pero si a de APB, quen agora sente o son dos berdillazos zoando sobre as cabezas dos seus xogadores e xogadora.
     Na Individual Absoluta, Juan Carlos mantén o pulso e non se distancia de Collazo. Lito e Kevin acércanse ao podio. Xulio e Roi están en zona tranquila, polo momento. Lois Fontán e Cotelo tiveron grandes actuacións e están en praza de finalista. En Infantil, Miguel aproveitou a ausencia de Abel (mal horario o das misas do domingo pola mañá, haberá que falar co señor crego) para alzarse ao primeiro posto. 





NORLESTE


         A superficie do pavillón de San Miguel foi moi xenerosa e agasallou con ptos a moreas a case todos e todas. Deste xeito, 19 xogador@s conseguiron 20 ou máis ptos, e só 7 xogador@s non chegaron aos 10 ptos. A evidencia di que a xente do Norleste portouse moi ben este ano, que está a piques de rematar. Salientar que a campioa desta xornada saiu dun desempate a 4. Geni, a máis laureada das xogadoras da LNB, gana por vez primeira unha xornada na Conferencia Norleste. Como lle sucede aos bos viños, Geni gana... co paso do tempo. Incombustible, infatigable, e superando as lesións con intensas sesións termais, Geni segue sendo a palanadora máis grande de todos os tempos.
          

        Billardeiros Musicais ganou por equipo, empatado a puntos con Carabullo. A vitoria de Geni na xornada doulles o triunfo por equipos. Carabullo está aplicando a táctica do camaleón, imitar o que fai Billardeiros. O equipo da Ponte ten unha vantaxe de 11 ptos e na concentración previa á visita a terras ribadenses, acordaron que esta diferenza é suficiente. Teñen moito respecto ao equipo número 1 da LNB, e tampouco é cuestión de humillalo, afirma Ismael. Deste xeito, de aquí a final de liga aplicarán a táctica camaleónica que consiste en situar a un ou unha Carabullo ao lado dun ou dunha Billardeiro e imitar os golpes deles e delas. Nesta xornada funcionoulles. 
       Grupo 1, Miguel e Markytos, con Albino, Migho e Charly. Grupo 5 Geni, con Dani Morán, Grupo 6 Manu Pozo, Daniel e Luís Saavedra con Santi e Ismael. Deixaron  sen marcaxe a Franco no Grupo 3 e a Suso Coedo no 4, pois non os consideraron perigosos nesta superficie, e acumularon as forzas anarquistas no Grupo 2 con Alvariño, Chousa e Manu Caldeiro, e sen ningún Billardeiro.
      Troitas Bravas defendeu a súa praza de podio a pesar da ausencia por decisión técnica do seu particular Dembelè. Un acto de indisciplina deixo a Brandon fóra da convocatoria. O palanador que debutara en Lugo e desaparecera despois de xogar a última carreira, foi encontrado en Pontevedra a altas horas da madrugada con evidentes dificultades para xustificar o seu estado. Ao delegado do equipo, Sachas, chegoulle unha filtración de tal vídeo e dicidiu aplicar o regulamento interno. Regueiro sácalle ferro ao asunto e afirma: "Xa temos experiencia con estes casos, pois Noé, na súa xuventude tamén cometeu actos deste tipo e finalmente foi reconducido a base de lavativas".
      Chaínzos-Cadaval empatou a 81 ptos con Troitas e non renuncia ao podio. Remourelle en zona media, Billarda Verde segue loitanto e Polka busca xogador@s.




     

      Sumados os puntos da xornada de onte en San Miguel, a Categoría Individual Absoluta continúa encabezada por Albino. Agora Chousa sitúase segundo a 6 ptos do seu compañeiro de equipo. Sachas cerra o podio, un pto por detrás do Coroceiro 2016. Despois aparece o trío de Billardeiros, Daniel, Manu Pozo e Coedo. Regueiro, Ismael Noé e Muriego completan o G-10. Afirmamos con rotundidade, chegado o ecuador da competición, que ninguén que estea fóra destes postos ten opcións reais de ser campión 2018-2019. Outra cousa é a disputa das prazas de finalista. A día de hoxe Paula marca o límite destas prazas. 

PREVIA XORNADAS FIN DE SEMANA Noroeste e Norleste

      
      Este vindeiro domingo, 16 de decembro, celebraranse as últimas xornadas do ano na Conferencia Noroeste, pola mañá, e na Conferencia Norleste, pola tarde.  O Campo da Festa de Castelo (Culleredo) e o Campo de Fútbol da Faxarda son os escenarios elixidos para xogar. A situación das borrascas sobre o Cantábrico mantén aos equipos adestrando en superficie cuberta para estar afeitos a estas superficies máis rápidas, por se ao final a choiva fai acto de presenza. 













NOROESTE
      Estase chegando ao ecuador da competición e as clasificacións non dan tregua. No Noroeste a Categoría de Equipos está dominada por Campo da Feira e a máxima emoción está en ver se a unión temporal de equipos chamada MAC é quen de manterse cerca do segundo posto, que tamén daría dereito a ser finalista LNB 2019. De momento, APB ocupa a segunda praza con 17 ptos de vantaxe sobre MAC. Filloas cerra a clasificación con humildade e confiando en que a descendencia de Tere medre con rapidez. 
       A Categoría Feminina ten unha clara dominadora en Merche, que este ano está loitando tamén por entrar nos finalistas da Individual Absoluta. 
      Na Categoría Individual Absoluta o campión 2018-2019 terá que saír de Campo da Feira, xa que, as catro primeiras posicións están ocupadas por xogadores de Paiosaco. Ademais, este ano FEI está consolidando un equipo temible, construído co ambicioso obxectivo de traer o Campionato Nacional. 
    A Categoría Infantil decidirase entre xogadores do equipo filial Campiño da Feira. Ademais, Abel, Miguel e Marc son claros candidatos ao Título Nacional da categoría, sempre contando coa resistencia doutros talentos da LNB como Manu Caldeiro (Norleste) e Óscar Caldas (Rías Baixas).









NORLESTE


        Na Categoría Absoluta, a revolución iniciada co triunfo de Albino en Castroverde e continuada co liderado de Chousa na Pontenova, mantén no podio a eses dous carabullos xunto con Sachas, outro elemento sorpresivo. Por detrás están os sólidos e sempre eficaces Billardeiros Musicais, Manu Pozo, Daniel e Coedo. Regueiro ocupa a sétima praza a 17 ptos do líder. Podemos dicir que de entre estes 7 magníficos sairá o campión de Conferencia, pois vai ser moi difícil que alguén poida recuperar tantos ptos que xa separan ao resto do título. Outra loita fabulosa vai estar na zona de prazas de finalista LNB. Sobre todo, tendo en conta quen está fóra destes postos a día de hoxe: Jorge, Milio, Iván Alonso, David Navallo, Pepe Vidal, Markytos, Manu, Franco, Oscar Trade, Rafa...  
        Na Categoría de Equipos, Carabullo domina con autoridade, aínda que non se debe fíar de BMU. O equipo ribadense mantén firmes os paláns e non desespera ante a irrupción da xuventude noutros equipos, "xa fallarán", é o que din os integrantes do equipo número 1 da historia da LNB. Troitas está moi preto dos dous primeiros, e coa incorporación do americano Brandon queren dar ese salto de calidade que lle faltou outros anos. Chaínzos-Cadaval fíao todo ao seu xogador franquicia Cortón. "Cando el fai ben a dixestión o equipo nótao, para mellor", afirma Kiko. "Entón, debemos darlle o alimento 5 horas antes do Aberto, se queremos que rinda a tope, pois é de boca grande e dixestión lenta e pesada", di Pepe Vidal. 
     En Categoría Feminina, Paula está nun estado de forma excelente e cada vez acércase máis a posibilidade de que Geni non consiga o título, despois de 7 temporadas facéndoo de xeito ininterrumpido. De todas as maneiras, a super campioa de Ribadeo é perigosa incluso mancada, canto máis cando recupere as condicións físicas óptimas. Ana de Chaínzos e Sara de Polka cerran as prazas de finalista LNB. Lorena faltou a dúas xornadas o que fai que estea a 17 ptos desta última praza de finalista, mais é unha distancia salvable para a da chaira. 


TODOLNB fala con... MURIEGO Emiliano Álvarez González

        Home de voz grave e serenas palabras, de mirada cantábrica e pensamento salgado. Ten as mans acoirazadas cun verniz de escamas e no padal garda o sabor doce que deixan tantas lerias na Taberna de Lola. Un ser humano polifacético e multidisciplinar que chegou da mesopotamia do Eo-Navia para demostrarnos que a creatividade move o mundo, aínda que este testán, ás veces, non se deixe. Muriego é un Remourelle Bulls, un pouco, por convicción, outro pouco, por transición de fluídos, os que hai nas botellas da Taberna de Lola, e outro moito por devoción, a que sente polo patrón das Copas Cantábricas Perdidas, San Manolito Flores.
      Meticuloso, obxervador, introspectivo, existencialista, filósofo e co acento galegoasturianu fronteirizo. Escolleu Muriego de nome artístico, xa que, o de El Bosco, El Greco ou Caravaggio estaban xa repartidos. Dentro de Muriego viven moitos homes e mulleres que alimentan o seu talento renacentista. Este Tapiego de sangue acubilla latas e latas de imaxinación e creatividade que pon ao servizo da humanidade, sobre todo, despois das dixestións. Tanto arrola un anaco de toxo no berce do seu torno, como fundamenta, nunha conversa pausada, a continuidade de Flores como adestrador da Auténtica, e sempre o fai con esa auténtica arte de ofrecer a última palabra de alento a quen a precisa.











    Un dos secretos mellor gardados da LNB, o taller de Muriego, foi descuberto despois de intensivas e laboriosas investigacións. Na foto de arriba poden apreciarse os planos do indestrutible "Toxolán". A construción do aparello diabólico, que fende billardas como as panaderías fan empanadas en véspera de romaría, elevou a Muriego ao cume das Artes e das Ciencias, onde comparte mesa con Leonardo Da Vinci. Toxolán é o palán en activo con máis golpes e cicatrices ás súas costas de toda a LNB. 









    En definitiva, aquí queda a sabia análise da realidade da LNB... e da existencia feita por Muriego. Se despois da lectura e degustación das palabras de Muriego (respectouse a lingua orixinal, o galegoasturianu), alguén quere saber máis da súa personalidade que pinche en O BRUAR DOS BULLS, publicación pioneira no mundo da billarda, pois é o único blog oficial dun equipo LNB. 




Nome e apelidos: EMILIANO ALVAREZ GONZALEZ
Lugar e data de nacemento: TAPIA DE CASARIEGO 1956-08-03
Lugar de residencia: TAPIA DE CASARIEGO
Ano de debut: 2011-setembro
Equipo actual: REMOURELLE BULLS


-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O primeiro contacto foi nun Interprovincial, en xuño do 2011, e despois debuten na liga en Burela no Aberto do Bonito, foi en setembro do 2011.

-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación
escolarizada?
Podía propoñerselle á Consellería de Educación que repartise folletos informativos entre os nenos e que metesen a billarda nos xogos escolares.

-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Teños catro virtudes, unha é terreal que é a CONSTANCIA, e as outras tres son virtudes teologales, Fe, esperanza y caridade. FE, a que levo a cada aberto e ansias de facer un bon papel. ESPERANZA de que fallen os meus adversarios e que por CARIDADE me deixen gañar un aberto.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Técnicamente confórmome. O físico non me preocupa, tou votando algo de barriga, pero dicen que son cousas da idade. El psicolóxico preocúpame mais, desde que salimos de Remourelle ata o noso destino desconcéntrome moitísimo do que me rio con Lucía, Villarino, Flores o Milio. Ademais Lucía pon a calefacción a tope e chego con as orellas cocidas e prívame de pensar na táctica a empregar.

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
Herba, cemento, asfalto, pavillón, terra, area.

-Ocupas actualmente unha das prazas de finalista LNB, a que se debe este magnífico rendemento?
Este ano al poder asistir a todos os abertos vou mais motivao, vou preparao a conciencia, falo con as billardas, e levo unha ansia moi grande por saber quenes van ser os meus adversarios no grupo,… e lémbrome de Forrest Gump : “ A Billarda é como unha caixa de bombós, nunca sabes con que che vai tocar”.

-En temporadas pasadas sempre faltaches a varias xornadas, cousa que che impediu optar a estar nas Finais LNB, este temporada, por fin, o patrón de Remourelle, S. Villarino, mercará esa autocaravana que demandas con tanta insistencia?
Esa é a nosa ilusión de todos os anos el poder ir todos xuntos no mismo velero, sería ideal, falar das nosas cousas e contar algún conto. Ata ahora imos solucionándolo al parar en todas as cantinas que atopamos abertas. Si pa o ano non podemos mercar un microbús tamos pensando en poñer un ordenador en cada velero e comunicarnos por Skype durante o viaxe.

-Quen cres que son os xogadores con posibilidades de ser Campións de Conferencia?
Cada ano que pasa a competividade é mais grande, antes de empezar a liga para min os favoritos eran os de sempre Charly, Markytos, Daniel, Manu Pozo e Regueiro, mais irrumpiron con unha forza inusitada Albino, Chousa e Sachas. Pero hai outra liga moi competitiva pra ver que vai as finais de Santiago, hai que loitar por 6 o 7 plazas donde vai haber ferro e farina. Eu, sin ir mais lonxe, teño unha cea apostada con Isma para ver que se clasifica. En caso de clasificarnos os dous iremos cear igual…..xa veremos quen paga.

-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
Para que a xente da miña comarca xogue a Billarda, as veces pensó propoñerllo a algunha asociación deportiva que hai por aquí, pero fáltame tempo.

-Vés posible que esta temporada remate o dominio de Billardeiros Musicais?
Os Billardeiros siguen tendo un gran equipo, pero iste ano non van ter doado gañar , xa que hai equipos con un gran potencial.

-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Remourelle Bulls?
A fortaleza dos Bulls son os anos que levamos na batalla que nos da templanza e paciencia nas victorias e derrotas, tamén nos da forzas o noso departamento de Asuntos Exteriores que ten moi boas relaciós diplomáticas con o resto dos equipos. As nosas debilidades pertenecen al Departamento de Seguridá Interna e non temos permitido falar delas.

-A incorporación de Xermán e Flores fortalecen ou debilitan a Remourelle?
Levávamos moito tempo detrás de Xermán e Flores e con a súa incorporación o equipo gañou en todos os aspectos emocionales que esperábamos. Ahora somos unha plantilla moi compensada, unha plantilla feliz que cumpre con seos obxetivos al cen por cen. Con respecto a Flores quero dicir que é o millor seleccionador de todos os tempos, o seu palmarés é inmaculado, posto que gañou cinco Copas Cantábricas seguidas, a culpa de a derrota de iste ano é de a selección asturiana, que tuvo 3 meses concentrada no Centro de Alto Rendimiento de Tol (Castropol) preparando o partido. A campaña urdida contra o seleccionador é por a envexa doutras Conferencias por non ter un sabio da billarda como Manolito Flores.

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
Antes de empezar a tempada as nosas ilusios era clasificarnos para ir a Santiago por equipos, pero con as baixas, a última hora, de Chousa e Manu Caldeiro as nosas aspiracios quedaron mermadas, foi cando nos propuxemos fer algún podio e clasificar algún xogador para as finais. O meu obxetivo persoal pra esta tempada non difiere moito do equipo, facer algún podio e clasificarme pra Santiago. Tamos contentos posto que xa fiximos dous podios y temos tres xogadores con posibilidades de clasificarse, inda que queda moita liga.

-Para rematar, a pregunta que están esperando tod@s @s seareir@s da billarda, cal é o secreto da túa capacidade creativa, algún líquido milagroso, algún alimento afrodisíaco, algunha substancia psicotrópica ou, simplemente, o aire salgado do Cantábrico?
A creatividade non ta en ningún brevaxe máxico, a creatividade é un dos poucos dones que ven no noso ADN. Desde moi cativos temos o poder de crear a os nosos amigos, os nosos xogos, os nosos medos, contos e historias…, o malo e que según vamos medrando a sociedad vai absorvéndonos ese maravilloso poder do noso pensamento. Por exemplo, os pais cando saen a rúa con o neno en brazos con cada persoa que se atopan dicenlle: -A ver Nené dille como fai o guau-guau, e como fai o pato-. O pícaro responde correctamente a ambas preguntas, mais a tercera persoa que atopan seos pais, o neno xa tá perdendo a creatividade, o neno soo ladra e fai cúa-cúa. O lóxico sería cambiarlle o nome do bicho… A ver Nené.. ¿Cómo fai o Rinoceronte?, o camello, a serpente de cascabel o langosta. Así o neno veríase obligado a crear a onomatopeya do animal correspondente, e o neno pasaría de ser un magnetofón a un creador.
Según Einsten “A creatividade é a intelixencia divirtíndose”, ta claro que todos temos intelixencia, entón o que temos que facer é deixar que se divirta e non deixar que a sociedade che coma o tarro. Si nos poñemos diante do televisor xa non tamos creando, outros tan creando por nós. O meu segredo e a miña diversión é chegar a casa e darlle a espalda a TV, sentarme a escribir, dibuxar, diseñar, crear …, e desde que te acostumbras, a creatividade asoma por todos os laos, é tan doado como pa un albañil poñer ladrillo, un zoqueiro facer zocas o un mecánico desmontar o motor. Al igual que fedes voar as vosas billardas deixade voar a vosa imaxinación.

A mente é como un paracaídas, soo funciona si se abre” (Albert Einsten ).


CRÓNICA FIN DE SEMANA RÍAS NOROESTE






      A xornada celebrada en Vigo tivo varios protagonistas individuais e un protagonista colectivo, este último non foi outro que o equipo de Valpaços Terra Quente. Este equipo creado no ano 2012, con sede central en Vigo, aínda que as súas orixes están na vila de Valpaços (distrito de Vila Real, Rexión Norte, Subrexión do Alto Tras os Montes, comunidade intermunicipal do Alto Tâmega), ten a singularidade de contar con máis mulleres que homes no seu cadro de xogadores. O equipo morado sempre se moveu, en canto á clasificación se refire, na zona medio baixa da xeral. Sempre? Este adverbio é moi mentireiro e detrás da súa rotunda adverbiación agáchase, a miúdo, un dubitativo case sempre, cando non, un tímido moitas veces. En definitiva, moitas veces Valpaços conviviu nos postos baixos da xeral, cousa que confirman os seus resultados en xornadas de liga.
       Con estas referencias a ninguén lle pasaba pola cabeza o triunfo do equipo de Vigo. Pois ben, sucedeu! Diversas circunstancias se xuntaron para construír a vitoria do equipo morado. Unha, que Salgue fixo pleno nas carreiras de grupo, 25 ptos, que Adriana obtivo 22 ptos totais e, finalmente, que Taxeiro e Alfonso tomaron a beberaxe máxica traída da fonte da xuventude que hai na Terra Quente e conseguiron, 19 e 17 ptos, respectivamente.
       Polo tanto, ganou a xornada con 85 ptos, seguido de Armadiña con 83, Gharaboto con 78, Corredoiras con 76, Lúa con 65, Rino con 57 e Laxe con 43. Esta irrupción no podio da xornada dos equipos do cambio xeracional indica a boa saúde competitiva da Conferencia. Xa se intuía que Armadiña sería un serio candidato ao podio de Conferencia, agora tamén afirmamos que Valpaços dou unha sorpresa, daquela, poderá dar máis se se descoidan os tres grandes da Conferencia.
        No plan individual salientar a vitoria do neno prodixio de Armadiña, Óscar Caldas. Este neno da xeración 21, aprendeu a xogar na LNB, e desde un primeiro momento destacou pola alegría dos seus golpes e por un incansable exercicio desta actividade. O podio da xornada estivo tinguido da cor azul e branca do equipo de Poio, mesmo Ricar se rendiu á marea celeste e axudou a soster a Armadiña para inmortalizar o momento. Desculpade a pouca calidade das fotos, pero é que o fotógrafo oficial, Charri, despois da agotadora vitoria en Castrelo tivo que pasar dúas semanas nun Balneario para recuperar os 12 quilos que perdeu pola pata abaixo.






        Os gráficos de puntuacións da xornada indican que o morado escudo de Valpaços encabezou todas as clasificacións. A maioría d@s comentaristas deportivos buscan a xustificación deste rendemento inesperado nun licor da Terra Quente que Taxeiro trouxera, hai tempo, a unha Gala da Billarda e que quen o provou notou uns efectos enerxizantes e supervitaminantes. De todos os xeitos, ata que a LNB decida introducir os controis antidopaxe non poderemos saber se o nivel de hematocrito (volume de células vermellas do sangue) de Alfonso e Taxeiro estaban dentro dos parámetros permitidos, nin se Vixo botou man da farmacopea para preparar a beberaxe que o levou a subir por vez primeira a un podio LNB.
       De todos os xeitos, recolléronse mostras de líquidos corporais de varias persoas cuxa puntuación estivo moi por enriba do rendemento normal, pois, cando a LNB aprobe o estatuto de boas costumes igual se poden denunciar estas prácticas e, con efecto retroactivo, desposuír dos títulos acadados a est@s defraudadores deportivos. Vixo, non durmas tranquilo, xa que está cerca a tecnoloxía que permitirá demostrar se ese corpo foi adulterado coa inxesta de substancias prohibidas. Lau, ti tampouco estás libre de sospeitas. Estes dous xogadores de Armadiña, ademais dos mencionados Alfonso e Taxeiro, golpeaban as billardas como se non houbese un mañá, como quen bate nunha alfombra. Ademais, sospeitosamente, acertaban coa billarda. A pesar das sombras da pista cuberta e dos raios solares da pista exterior e a pesar da súa deficiente técnica e do pouco adestramento est@s xogador@s estiveron rabuñando a excelencia... cousa rara, rara, rara... Mais e todo, imos garantir a presunción de inocencia dest@s magnífic@ palanador@s.










Chegada de parte da expedición morada

   
Santiago mostrando o seu poderoso palán




A infantilada continúa fiel a festa que supón para el@s xogar á billarda


Paquiño mollando o palán para ganarlle peso e que o golpeo sexa máis potente (técnicas innovadoras do Grove)
       

       Despois de sumados os puntos as clasificacións de Equipos quedan deste xeito. 




Equipo
Total
1 CORREDOIRAS BUEU 621
2 LÚA DE FORZA SANXENXO 607
3 GHARABOTO MARÍN 588

ARMADIÑA POIO 531

RINOCERONTE PONTEVEDRA 450

VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 435

LAXE DE RONS O GROVE 404

ANDARELA MEAÑO 9


       Corredoiras empeza a tensar a corda e xa está 14 ptos por enriba de Lúa de Forza. Ata cando seguirá en pé o reto de superar ao todopoderoso Corredoiras? Gharaboto acelera para atrapar ao equipo de Sanxenxo, agora son 19 ptos os que separan a estes dous equipos, e entrar nesa loita de titáns. Armadiña non renuncia ao seu obxectivo de principio de temporada de conseguir unha praza de finalista LNB. Así, o rendemento por debaixo do seu potencial de Manu e Cho, non impediu que Armadiña se quedara a só 2 ptos de ganar a xornada. Aparececeron Óscar, Vixo, Peque (o home invisible) e Diego para completar unha das mellores puntuacións históricas da franquicia celeste. Rinoceronte xa escoitas os Val-pasos que se acercan por detrás. Laxe baixa moito o seu rendemento cada vez que teñen que visitan a Ría de Vigo. Afirman que xa teñen bastante con soportar as augas medicinais da de Pontevedra. Este equipo prefire os fondos da Ría de Arousa. 






EQUIPOS FEMININOS
Total
1 GHARABOTO MARÍN 277
2 VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO 275
3 CORREDOIRAS BUEU 181
4 ARMADIÑA POIO 170
5 LÚA DE FORZA SANXENXO 114
6 LAXE DE RONS O GROVE 21
7 RINOCERONTE PONTEVEDRA 1


      Está preciosa a loita entre Gharaboto e Valpaços polo primeiro posto. As mulleres de Gharaboto conforman unha escadra sensacional, por iso alcanzaron por primeira vez o liderado a xornada pasada, mais, o gran favorito e actual campión é o equipo morado de Vigo. Xogando en territorio coñecido, Vapaços acercouse ata 2 ptos do equipo de Marín. Na zona media, Armadiña tivo unha estupenda actuación, sobre todo, coa inesperada puntuación de Lau (13 ptos) e a presenza de Machi, quen sempre suma para o equipo cando participa. Ainhoa e Elena completan un cuarteto de moito futuro. Lúa queda en terra de ninguén. A quinta praza é a súa correcta posición.







NOROESTE





      Fantástica participación na xornada da Sardiñeira. Salientar a presenza dun grupo de inspectores LNB que supervisaron en todo momento que as medidas e distancias foran as oficiais e que o sorteo se realizase coas garantías de calidade esixidas pola LNB. APB presentou en sociedade aos reforzos de Nadal e estiveron cerca, en algún momento da xornada de ameazar a vitoria de Campo da Feira. Malpica-Cochiqueiros apareceu con 10 xogador@s e APB con 9 xogador@s, as súas participacións máis numerosas dos últimos anos, cousa que contribuíu a que as puntuacións estiveran máis repartidas.
      A Conferencia Rías Baixas achegou 7 competidor@s que intentaron estar ao nivel desta esixente Conferencia. Conseguiron o triunfo dun dos seus representantes, sobre todo, debido á milenaria xenerosidade da xente do Noroeste, que cando recibe visita de extranxeir@s saben tratal@s. Acordádevos que tamén foran xeneros@s coa visita dunha expedición do Norleste.
      Despois desta xornada, a clasificación queda moi emocionante nos postos de finalista LNB. En canto ao título, Collazo aumentou a distancia sobre Juan Carlos. Edu afianzouse no podio e Xulio empeza a acelerar. Roi e Lito están de momento en zona tranquila, igual que Kevin. A partir do oitavo praza todo pode suceder.



ABSOLUTAEQUTOT
1COLLAZOFEI159
2JUAN CARLOSFEI140
3EDUARDOFEI129
4XULIOFEI118
5ROIAPB117
6LITOMAC116
7KEVINAPB114
8ENRIQUEFEI102
9LOIS FONTÁNFIL102
GÁNDARAFIL98
MERCHEAPB98
COTELOAPB98
LUÍS MATOMAC93
ABEL INFFEI90
ELADIOFEI88
MIGUEL INFFEI85
OSCAR PONTEFEI83
JULIO VILASAPB83
CHARLI VARELAFEI82
ANDRADEFIL81
VIQUEIRAMAC75
BERDILLOMAC74







   


Andrade baixo a atenta mirada dun dos inspectores LNB (Luís Gon) que chegaron das Rías Baixas. Unha inspección rutinaria para ver se se cumpren coas medidas regulamentarias en paláns, billardas e varais.

Novas fichaxes de APB. O equipo da LARACHA tivo que cambiar a súa filosofía de contar só con xogadores da Comarca de Bergantiños e abrir as fronteiras a xogadores nacidos no estranxeiro. Roi descubriu en Ferrol Terra uns diamantes en bruto: Iván, Bieito e Cesar.

O internacional de MAC volveu do seu retiro espiritual e estivo a piques de acadar a final, quedouse en semis. O internacionalmente famoso golpe coñecido como Berdillazo volveu á praza da Sardiñeira. Igual que fixera na Tartini Square de Piran, este demoledor golpe volveu a ser mortal para os seus rivais.

Carmela

Óscar García

Pablo

EGASA xustificando o uso dun apoio debaixo da billarda nunha superficie de asfalto ante outro dos inspectores LNB (Luís Camiña) que asistiu á xornada da Sardiñeira. 


Dúo Deno

Confidencias entre Edu e o Comandante Collazo: 
"-Estes pelotudos de APB avisaron aos mercenarios das Rías Baixas para tocarnos as ...".
       -Comandante, non te raies... aquí estou eu... ".
E realmente Edu estivo, pero estivo só ata chegar á final, na cal se desfondou como barril vello.
Miguel Cancela. A posición de golpeo do Home Araña de Paiosaco está causando sensación, ata Miguel está imitándoa.