TODOLNB fala con... LITO PENA SERRANO

        Gonzalo Pena Serrano, LITO, pertence ao reducido grupo de xogadores de raíz. Aquelas persoas que xogaron á billarda no último cuarto de século XX, antes da era LNB. Na súa infancia coñeceu o xeito tradicional de xogar billarda, sen varais e sen puntos, sen xogadas polémicas e co orgullo de quen nace no rural. Certo que xa perdía diante de Collazo, pero daquelas partidas de serán e ledicia, daqueles momentos de rapazadas quedoulle o golpeo baixo que tan ben executaba o seu compañeiro de xogos Collazo. Naquela época o que se premiaba era guindar a billarda o máis lonxe posible cun golpe de palán. En definitiva, na era dos dinosaurios a billarda era cousa de xente moi forte e potente. Menos mal que a evolución da billarda coa irrupción da LNB, permitiu que a maña, a puntería e a coordinación tiveran un lugar tan importante como a fortaleza no dominio deste deporte.
       Naquel mundo rural larachés, Lito encontrou acubillo amable e a súa alma de aventura gozaba da natureza. Mais, o éxodo rural fíxoo emprender o camiño da capital. De todos os xeitos, Lito nunca esqueceu que ten enraizado o corazón e enterradas as emocións neste mundo húmido e oloroso de terras de labradío e gando. A LNB cruzouse no seu camiño en maio do 2016. Foi na xornada de Malpica. Desde o primeiro momento xa se lle vía que non era un novato nisto de golpear billardas. As dúas primeiras temporadas xogou pouco. Pero, xa desde a temporada 2017-2018 está plenamente integrado na dinámica de ir cada 15 días a encontrarse coa madeira e coas persoas que comparten esta ilusión da billarda. Desde que xoga regularmente, o seu nivel é moi alto. Esta temporada xa se situou, despois da última xornada, na terceira posición.
       O seu estilo de xogo garda a reminiscencia do golpeo que tan ben aprendeu de Collazo e incorporou, esta temporada, a posición inicial de Araña, aprendida doutro dos grandes mestres da Conferencia, Edu García. Deste xeito, os seus resultados melloraron moito e é un rival ao que ninguén quere enfrontarse. A súa potencia faino un dos mellores pegadores da LNB. Se consegue situar a billarda máis centrada despois do golpeo será un candidato serio ao Título Nacional, pois se colle un día bo pode garnar a calquera.
         Esta temporada Lito forma parte da UTE Malpica-Cochiqueiros. O seu alcume de Sheriff da Laracha vén, precisamente dun incidente cos seus compañeiros de equipo. Os xogadores que se incorporaron a esta unión temporal de equipos por parte de COK estaban algo perdidos nas últimas xornadas e Lito tivo que ir rescatalos do esquecemento e das dúbidas existenciais. Quixeron abandonar a LNB para incorporarse á Liga Nacional de Pandolo de Slovenije. Non obstante, o Sheriff Lito colleunos na fronteira italiana e tróuxoos de volta por Nadal.
         Lito tivo a ben concedernos unha entrevista personalizada, na cal di a verdade e nada máis que a verdade sobre o que sucedeu nesa fronteira italo-eslovena... e sobre outros temas de interese billardeiro.
       
















Nome e apelidos:                Gonzalo Pena Serrano
Lugar e data de nacemento: A Laracha 1967-08-28
Lugar de residencia:            A Coruña
Ano de debut:                    2016
Equipo actual:                    Malpica-Cochiqueiros




-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O primeiro contacto foi fai uns 35 anos, eu xogaba con Collazo preto da igrexa da Laracha, no monte de Mariñán. Que recordos! Xa daquela facía as billardas cun torno. Coa LNB batín fai un par de anos, penso que na tempada 2015-2016 en Malpica, de man de Collazo, claro.

-Que accións propoñerías para que a práctica da billarda chegase á poboación escolarizada?
Os rapaces e rapazas que veñen xogar é porque son amigos ou familiares da xente que xa xoga, pero sería importante achegarse tamén ás escolas.

-Que farías para que máis xente xogase á billarda na túa comarca?
Penso que deberíamos organizar billa-churrascos, billa-cocidos, october billarda, beer fest, ...

-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Non penso que teña ningunha virtude en especial, só intento pasalo ben e, sobre todo, ser legal, como case todos en case todas as conferencias.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
En canto ao psicolóxico debería ser un pouco máis constante no xogo. Con respecto ao técnico, creo que me falta mellorar un pouco o swing, por iso vou coller a Julito como personal trainer, para que me ensine o golpeo estilo culler. O aspecto físico, xa non ten remedio

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia: TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN
Terra, herba (con terreo seco), asfalto, cemento, area, herba sintética e pavillón nunca.

-Cales son a claves da evolución que experimentou o teu xogo desde que empezaches ata agora?
Penso que o meu nivel mellorou a base de xogar. Pero, penso que debería practicar un pouco co meu personal trainer.

-Que opinas das túas posibilidades para ser Campión de Conferencia?
Xa me empeza a quedar un pouco lonxe. Centrareime en desbancar a Eduardo do terceiro posto.

-A que xogadores vés con condicións para ser Campións de Conferencia?
Collazo e Juan Carlos teñen vantaxe. Se non pincha, Collazo será campión outra vez.

-Que tería que suceder para que esta temporada remate o dominio de Campo da Feira?
Para este ano é difícil. Poderíamos adiantar unha semana as xornadas para que coincida coa feira de Paiosaco e cun pouco de sorte non poderían ir xogar. Para o próximo ano é máis doado, o equipo Malpica-Cochiqueiros vaille facer unha OPA hostil a Campo da Feira a base de Santiaguiños.

-Cales foron as razóns para crear o equipo MAC, resultado da UTE (unión temporal de equipos) entre Malpica e Cochiqueiros?
A razón principal foi a falta de membros nos dous equipos.

-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Malpica-Cochiqueiros?
A fortaleza do equipo é a calidade dos xogadores que achega Cochiqueiros e a mellora dos xogadores de Malpica. A debilidade é a falta de formalidade que teñen algúns dos membros.

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
O obxectivo é clasificarnos para a final en Santiago.

-Como conseguiches que regresaran Berdillo e Viqueira á LNB, rexeitando a oferta millonaria da Liga Slovena de Pandolo?
Estou empezando a pensar que a falta de formalidade é debido a que Berdillo non volveu de todo da súa participación no Pandolo 2018 en Slovenia, e está xogando a dúas bandas coa complicidade de Viqueira. Calquera día destes esquécense de onde están xogando e aparecen cunha billarda de 11 cm.

Ningún comentario:

Publicar un comentario