TODOLNB fala con... MARÍA EUGENIA RODRÍGUEZ SAMPEDRO "GENI"

        Falar de Geni é un privilexio, pois estamos diante do emblema feminina da LNB. Iniciou a súa andaina, nesta aventura marabillosa de recuperar a práctica da billarda, no 2007, da man dun grupo de amantes da música, residentes no concello de Ribadeo. Desde aquel momento, converteuse, tamén en amante da billarda, mais son amores diferentes. Pola música sente un amor maternal e pola billarda un amor fraternal. Este sentimento levouna a viaxar por todo o país emocionándose cada vez que xoga, pois ela fai música de percusión en cada golpe.O seu compás favorito é o binario, xa que en dous golpes é quen de acadar o varal, cousa que poucos xogador@s son quen de conseguir. Algunha vez usa o ternario... cando a situación o precisa.
        Infatigable e tenaz, nin as lesións nin o paso do tempo son quen de minguar a súa eficacia musical tocando a billarda. Simplemente, a máis laureada xogadora galega da historia da LNB. Os seus resultados non son do pasado, xa que, na última xornada da Conferencia Norleste (2018-12-16) fíxose co triunfo. Ademais, as últimas sete temporadas foi Campioa da Conferencia Norleste. Xogadora que se adapta a todo tipo de superficie. Mostra unha efectividade moi alta no golpeo da billarda. Geni é un referente para as novas xeracións femininas que se incorporan á LNB, un espello onde comprobar que os obstáculos da vida son doados de superar desde o esforzo, a superación e a constancia. Con calquera idade, o ser humano é quen de construír valores de respecto e de superación a un mesmo tempo, e Geni é unha demostración disto. 
       En fin, aquí están as palabras de Geni sobre o presente e o futuro da LNB. Ollo ás súas opinións sobre a continuidade do Seleccionador Nacional Flores...
      



Nome e apelidos: María Eugenia Rodriguez Sampedro

Lugar e data de nacemento: Ribadeo, 1952-01-18

Lugar de residencia: Ribadeo

Ano de debut: 2007

Equipo actual: Billardeiros Musicais


-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
Souben da billarda e da LNB nun campamento musical que fixo Amadores da Música ao que como actividad lles fixeron xogos tradicionais aos cativos.

-Que accións propoñerías para que máis nenas e nenos practicasen billarda?
Supoño que implicando máis aos pais para que leven aos cativos a ver alguna conpetición.

-Cales son as túas principais virtudes como xogadora de billarda?
Moito tesón. Que a tomo moi en serio. Respecto e quero que se respecten as normas.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Estou contenta de como me vai, só me gustaría ter un pouco máis de forza no golpeo.

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
Area, cemento, pavilllón, terra, herba e asfalto.

-É moi estraño verte fallar algún golpe, cales son os secretos da túa eficacia no golpeo?
Creo que me beneficia o levantar moi pouco a billarda e manter a posicición ao golpeala. 


-Cales foron as claves da túa vitoria no Aberto do Galo 2018?
Xogar a dous golpes e aproveitar os erros dos contrarios. Na última carreira, cando todos deron golpes mais ben cativos, arrisquei a varado e saíume ben.

-Que farías para que máis mulleres xogasen á billarda na túa comarca?
Véxoo complicado. Anímanse poucas e non sei a razón, porque é divertido e asequible. 


-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Billardeiros Musicais?
Como fortaleza o compromiso e o bo talante de todos nós. Como debilidade que agás Markytos, todos vamos xa polos setentaitanto, e máis aínda... jajaja. 

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
Como obxectivos individuais, clasificarme entre os quince primeiros e loitar polo campionato femenino en Santiago. Nos colectivos, este ano parece que o temos crudo, pero gustaríame seguir como campións de conferencia e ir dalo todo nas finais, que últimamente se nos veñen atragantando.

-Queremos preguntarche por varios temas de actualidade. Cales foron as causas da derrota na Copa Cantábrica?
Quizais que nos confiamos demasiado. Cando tíñamos ganado propuxéronnos xogar unas voltas máis e aceptamos, indo de sobrados, e déronnos nas cachas.

-Estás a favor ou en contra da continuidade de Flores como seleccionador LNB e por que?
Estánselle dando moitos paus e o pobre non ten culpa de que nos desconcentremos, sempre sacou con nota estos encontros e merece un voto de confianza.

-No caso que Flores non continuase, a quen propoñerías ti para que ocupase o cargo de Seleccionador Nacional?
Penso que Flores debe seguir, pero, e só si él decide marcharse, propoñería ao meu cuñado Franco po cargo. Dun lado sería un toque de distinción ter un seleccionador extranxeiro e doutro estaría sempre convocada, ou iso creo... jeje.












Ningún comentario:

Publicar un comentario