PRIMEIRA WEB sobre o mundo da billarda

  Compañeir@s, a partir de hoxe todas as novas do mundo da billarda, LNB incluída, serán publicadas desde a www.billardagalicia. com

CRÓNICA... DUNHA CONFERENCIA ANUNCIADA

   Os acontecementos desta fin de semana pasada poderían pasar desapercibidos para o 99% da poboación mundial..., pero non o van facer, pois esta crónica fará de altofalante deste deporte marabilloso chamado Billarda. Os sucesos acontecidos en San Xoán de Río, concello de 549 habitantes (censo 2018), da provincia de Ourense, xa forman parte do patrimonio da LNB. 
   Xosé Miguel Pérez Blecua converteuse en alcalde deste concello en maio deste ano con maioría absoluta. Pois ben, Xosé Miguel ou Ble ou Chemi chegou coa saudable intención de mellorar as condicións de vida das súas veciñas e veciños. Entre as intencións que van mellorar, de seguro, a vida deste medio millar de persoas, está a intención de Blecua de recuperar a práctica da billarda no concello, como primeiro chanzo dunha escaleira que levará ao cume da recuperación da billarda en toda a provincia de Ourense. 
   As primeiras iniciativas culminaron coa organización do Aberto de San Xoán de Río o sábado 17 de agosto e coa inauguración do primeiro campo de billarda da provincia ourensá o domingo 18 de agosto. De momento, temos un par de fotos destes eventos, pero durante esta semana chegaronnos os documentos audiovisuais que recollen estes dous feitos.





      A inauguración dunha nova infraestrutura deportiva en San Xoán de Río veu da man dunha innovación en canto á construción e acondicionamento de lugares naturais para a práctica da billarda. Na foto de abaixo pódese ver o varal minimalista que a corporación municipal encabezada por Ble tivo a ben elixir como proxecto vangardista no eido da Billarda. A LNB xa tomou boa nota deste recurso de arquitectura deportiva para futuros campos de billarda. 
     En fin, bravo por Ble e que non dubide nin retroceda co palán de mando na súa man en canto á promesa de crear a Primeira Conferencia LNB en Ourense. Un audiovisual gravado o sábado 17 dá testemuña desta promesa en palabras e en boca do alcalde palanador (un día desta semana emitiremos o tan esperado documento. Aínda estamos pedindo os permisos necesarios para publicar este audiovisual).


FIN DE SEMANA de Billarda




     Xa está aquí, un ano máis, o Aberto de San Xoán de Río. Desta vez, é algo diferente, pois, Río converteuse, en maio deste ano, no primeiro concello galego con alcalde LNB, Xosé Miguel Pérez Blecua. Un xogador nómade que se iniciou na desaparecida Conferencia Sur con Faísca e despois nomadeou polo resto de Conferencias LNB.
    Cando colleu o palán de mando prometeu cumprir fielmente as funcións do seu cargo e... como epílogo, comprometeuse a crear a primeira Conferencia LNB na provincia de Ourense, será polas Terras de Trives e Caldelas.  Fantástico !


XOSÉ MIGUEL PÉREZ BLECUA co palán entre as mans (2019)


XOSÉ MIGUEL PÉREZ BLECUA co palán na man (2009)

CRÓNICA ABERTO BILLARDA de CHANS 2019

       Pasaban algúns minutos das 13 horas e a expedición do Noroeste chegaba ao alto de Chans. Entre frases de admiración, ante a contorna vexetal e mineral que lle saíu ao encontro, e os pensamentos pouco optimistas sobre a súa participación no Aberto de Billarda de pola tarde, ningunha das intrépidas 12 persoas do Noroeste que se acercaron ata Bueu podía soñar que a súa actuación sería cualificada de sublime polos medios de comunicación deportivos.  
     Pois, si, a realidade ás veces supera á ficción máis imaxinativa. Os 9 viquingos e as 3 viquingas do norte conquistaron o Morrazo sen piedade. Encontrar algunha explicación racional é máis complexo que atopar sentido ao deseño das billardas de Julito Vilas. De todos os xeitos, o audiovisual poderá axudar a explicar o inexplicable e a comprender o incomprensible.

     Resumindo, o Noroeste tamén existe e non despreces á serpe por non ter cornos, quizais algún día poida reencarnarse en dragón”, e ese día foi o domingo 11 de agosto de 2019. O Dragón Noroeste arrasou e devastou o prestixio das Rías Baixas, pois, a pesar de presentar entre os seus xogadores a 3 Campións LNB e unha Campioa LNB, non ganaron en ningunha das 3 categorías disputadas. Que máis dicir? … Se cadra recoñecer o bo xogo dos viquingos e enviar ao cortello de pensar á xente das Rías... máis Baixas que nunca.


 



     A PARTICIPACIÓN foi de 46 persoas, das que 10 eran mulleres e 4 infantís.  


FEMININA    1ª-MERCHE   2ª-BEGO   3ª-CHEFA

ABSOLUTA   1º-ÓSCAR PONTE    2º-ROI    3º-IVÁN

INFANTIL     1º-MIGUI     2º-HUGO  
     

     

CRÓNICA DE BEGONTE Aberto de Billarda Festival 27373


     Multitudinario Aberto de Billarda en Begonte. 70 persoas anotadas para o Aberto que se desenvolveu nun dos festival referencia en Galicia, o  Festival 27373. Con representación das tres conferencias e un nivel extraordinario de competidor@s, acubillábase un verde prado, magnífico para a práctica da billarda, baixo as sombras dos castiñeiros milenarios de Begonte. Así, estiveron xogando unha Tricampioa LNB, Geni, dous Bicampións LNB, Otero e Daniel Rguez. e un Campión LNB, Chousa. De todos os xeitos, onde estea unha cervexa artesá as forzas equilíbranse.



       Catro grupos de case 20 persoas. Uns oitavos de final cun duelo Otero-Chousa. Uns cuartos nos que sorprendeu a presenza de Ana, nova fichaxe de Madia Leva. As semifinais foron entre Chousa e Bonxe, por un lado, e Ismael contra Luís, polo outro. Ou sexa, un dobre enfrontamento Carabullo Chaínzos-Cadaval. A política de fichaxes que se está a vivir na Chaira non ten comparación coa moderada tensión entre Hong-Kong e China. Deste xeito, os dous xogadores que foron convencidos para fichar por CHA (a altas horas da madrugada nun lugar de ocio nocturno de Castro de Rei) foron derrotados polos dous xogadores de Carabullo. 
      A final estaba preparada para que Ismael (terceiro ano consecutivo que vence neste Aberto) acadara a vitoria. A primeira carreira ganouna Chousa en dous golpes. Repúxose Ismael e fixo o mesmo na segunda e na terceira carreira (desempate). Desta maneira, o pontino levouse os agasallos que preparou a Asociación Castiñeiro Milenario. Mais, a nova máis leda que nos chegou desde Begonte foi a da futura creación dun equipo neste concello para competir na LNB NORLESTE 2019-2020.

CHOUSA



"ISMAEL, confirma que non ten rival
cando hai Aberto de billarda nun festival".



2º-CHOUSA        1º-ISMAEL        3º-BONXE



FIN DE SEMANA DE BILLARDA

   Se queres poñerte en forma para a nova temporada non te perdas as dúas citas desta fin de semana. O sábado en Begonte e o domingo en Chans (Bueu). 



CRÓNIPARDIÑAS




     Estas fotos sintetizan visualmente os tres acontecementos salientables do Aberto de Pardiñas. A primeira instantánea por orde de relevancia é, sen dúbida, a foto de ALFONSO BLANCO TORRADO con representantes da LNB. Este incansable home de paz colleu o palán coma quen arrola unha crianza, con amor e determinación, e, polo baixiño, musitou:

                    "billarda sempre, adiante co varal!"


     
 Quen é Alfonso?, pois non temos espazo suficiente para resumir a súa vida e obra, daquela, servirannos as verbas de Ismael G., "Noutros deportes fanse as fotos con políticos... Nós facémolas co maior dinamizador e referente cultural que ten o país a día de hoxe."  
    Para quen queira saber máis sobre este fillo adoptivo de Guitiriz, mestre, dinamizador cultural, conferenciante e, por riba de todo, un crego de aldea, que vaia á paxina web de xermolos.




    A segunda das fotos ten que ser o podio do Aberto coa sorprendente e meritoria vitoria de Bieito, un novato, fronte a unha representación importante de palanador@s LNB. A participación foi de 42 persoas. Bieito sorprendeu cunha actuación impecable. Os seus compañeir@s de APB estouparon de ledicia. Bieito é máis dado a alegrarse para dentro e, como bo e xeneroso galego, sabe que na alegría sempre hai engarzado un anaco de tristeza. Neste caso, o de Ferrol igual ten que deixar o país para ir formarse noutros territorios do estado. Unha mágoa que un talento coma o del teña que deixar a LNB. De todos os xeitos, pode ser o xermolo da expansión da billarda cara ao leste.
2º-Xan Rodiño       1º-Bieito Rodríguez      3º-Albino Mou



     Non menos importante é esta foto na que vemos os efectos que produce o Festival de Pardiñas nas persoas. Segundo nos confirmou Alfonso B.T., o Festival ten o poder de quitar anos de enriba dun xeito sorprendente, case milagroso. Este ano cumpríu o 40 aniversario e seica esa é a cantidade de anos que rexuveneceron as persoas que acudiron a Guitiriz a fin de semana pasada.
Collazo



    Neste documento audiovisual poderedes apreciar a habilidade que tiveron xogadoras e xogadores para golpear os coches coas billardas como se de pratos dunha batería se tratasen. Os marabillosos sons de percusión e metal mesturáronse coa música de Zënzar nunha maridaxe celestial.