TODOLNB fala con Lola Eiras Pérez

      Lolé xoga á billarda porque desde nena contemplaba con admiración a Serra de Meira coas súas árbores milerarias, porque ten sangue do Pedregal de Irimia nas súas veas e porque lle peta. Esta amazona de mirada infinita e brazos acolledores, encontra en cada aventura unha vitoria e en cada acción humana un milagre da natureza. Cando se xunta coa súa xente para asistir a unha xornada de LNB sente que a enerxía feminina do universo se apodera dela. O que ela non sabe é que cada vez que golpea a billarda está chamando na porta do infinito, non para entrar, senón para que el lle abra.

      Aquí tendes o que nos contou... e o que calou... Lolé o gardou.



Nome e apelidos: Mª Dolores Eiras Pérez
Lugar e data de nacemento: Meira. 1982-01-22
Lugar de residencia: Meira e Lugo
Ano de debut LNB: 2011
Equipo actual: Polka Miseria

-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O primeiro contacto foi en 2009. Eu estaba con M de Meira e Xosé da Flor foi quen organizou o aberto. Xa se fixera en 2008, pero eu non participei. E en 2009 fun ao aberto porque non había xente de Meira que xogara, e fun facer bulto, máis que nada. Pero, desde aquela enganchei, e ata agora. E xa van uns cantos aniños…

-Que accións propoñerías para que máis nenas e nenos practicasen billarda?
Simplemente levar aos nenos e nenas aos abertos, e que xoguen. Tamén se podía propoñer como actividade extraescolar como o fútbol ou a pintura. Pero, o importante é que xoguen.

-Cales son as túas principais virtudes como xogadora de billarda?
En realidade non creo que teña ningunha. Son unha xogadora normaleira, que intenta, polo menos, chegar con algún punto en todas as carreiras. Intento tirar sempre da mesma forma para enganchala como quero, pero a veces non sae.

-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos debes mellorar?
Debería mellorar a forza. Non teño demasiada, e en moitas ocasións faríame falta máis, xa que, non son capaz de facer ningún varado. E no tema psicolóxico ás veces desconcéntrome e perdo as carreiras.

-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
Pavillón, asfalto, cemento, herba, terra e area

-Cales foron as claves da túa vitoria na categoría feminina no Aberto da galiña de Mos?
A clave foi que as outras rapazas tiveron mal día e gañei eu, jajaja.

-Que farías para que máis mulleres xogasen á billarda na túa comarca?
Pois, non o sei. Hai moita xente que sabe que xogamos e simplemente non se anima porque ten outras cousas que facer ou prefire estar noutro lugar. Son decisións persoais que hai que respectar

-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Polka Miseria?
As debilidades son que somos moi poucos e non adestramos nada. As fortalezas son que nos apoiamos moito, que nos animamos, que estamos pendentes uns dos outros- E bueno, ao final, imos facendo puntiños. Xa levamos anos xogando, e algo nótase.

-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
O meu obxectivo é chegar con algún punto en todas as carreiras, e se fora posible, non facer menos de 14 en cada aberto. Con iso confórmome. E o obxectivo colectivo é non quedar de últimos.

-Queremos preguntarche por varios temas de actualidade. Non sei se o sabes, pero, estase investigando a Troitas Bravas por amaño de carreiras na temporada pasada. Seica financiaron as camisetas deixando entrar diante a palanadores doutros equipos, dos cales percibían 5 euros por punto. No caso que se demostre a veracidade desta práctica deshonesta, que sanción propoñerías para o equipo?
Non creo que os troitas bravas fixeran tal acción, son xente moi honesta e moi entregada. Pero, en caso de que se demostrase, o lóxico sería expulsalos da competición.

-Estamos ao día dos esforzos que está realizando a secretaría deportiva de Carabullo para reforzar a súa sección feminina e de que ti es o seu obxectivo prioritario para a vindeira temporada. Que falta para que se produza ese acordo?
Habería que negociar as cláusulas do contrato e dependendo da oferta, xa valoraría, pero creo que faría falta que Polka Miseria se disolvese e que @s meus compañeir@s se viñeran comigo.

-Esta é unha pregunta de difícil resposta para ti, mais sabemos que sairás con eficacia da resposta. No caso que Meira volvese á competir na LNB cun equipo de billarda, deixarías Polka Miseria?

Como boa galega, contesto “depende”. Non o sei, supoño que si, xa que, foi aquí onde empecei, e a verdade é que me faría ilusión que se volvera a facer outro equipo en Meira. Aínda que coa xente de Pol estou moi contenta e a gusto. Levámonos moi ben e apoiámonos uns aos outr@s, Non sei… jjjj.





Ningún comentario:

Publicar un comentario