TODOLNB fala con MARCOS RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ "Markytos"

      Markytos, como bo super heroe, foi bautizado co lume dun palanazo a comezos dos 90. Naquel intre adquiriu o super poder de golpear a billarda como ninguén, mais el non o soubo, ata que no 2007 coñeceu a LNB. Desde o primeiro momento golpeaba a billarda dun xeito espectacular, pois subíaa ata os ceos e cando baixaba petáballe tal palanazo que as billardas aturuxaban. Co paso dos anos converteuse no máis grande xogador de billarda da LNB.
      Certo que nos xenes lle viña de serie a habilidade para este xogo, xa que, Geni e Daniel Rguez son seus pais. Así e todo, quen ía supoñer que aquel golpe nos fociños ía ter efectos tan beneficiosos. Os seus logros deportivos van estar moito tempo como marcas de referencia da LNB. Tres veces logrou o Título LNB Individual e tres veces o de Equipos. Unha vez foi Campión LNB de Varados. Ten Títulos de Conferencia en Individual, en Equipos e en Varados. En definitiva, ten a tripe coroa LNB e de Conferencia. Entón, que retos lle quedan? Seguir gozando con xogar á billarda é o seu obxectivo de presente e de futuro.
      De todas as maneiras, como home de música, sabe que cada novo concerto é unha empresa fascinante polo que ten de incerta, ao tempo que atractivo cada novo escenario. Daquela, cada vez que ten que golpear a billarda sente esa sensación marabillosa de tensión e alegría que precede ao éxito dunha perfecta percusión sobre a madeira ou ao fracaso dun impacto contra o aire.
     Mantense fiel ao equipo que o formou, Billardeiros Musicais, e quere rematar a súa carreira deportiva en BMU. Aínda así, a outra franquicia histórica da Conferencia Norleste, Remourelle Bulls, non oculta a oferta millonaria que está preparando para intentar a súa fichaxe. Muriego sacou a poxa varias das súas obras pictóricas e ampliou horario de misas e rezos, Lucía está facendo horas extras, Villarino e Flores xa empeñaron as pezas de ouro da súa dentadura e Milio, Jorge e Xermán, deixaron o consumo de bebidas efervescentes durante un mes, e todo isto coa saudable intención de conseguir os 3.000 euros mensuais cos que pensan derrotar a vontade férrea e inquebrantable de Markytos. Veremos que sucede!
Estas son as substanciosas opinións de Markytos sobre a LNB e o mundo da billarda. 




Nome e apelidos: Marcos Rodríguez Rodríguez
Lugar e data de nacemento: Ribadeo. 1980-08-31
Lugar de residencia: San Xillao. Ribadeo
Ano de debut: 2007
Equipo actual: Billardeiros Musicais

-Cando e como foi o teu primeiro contacto co xogo da billarda e coa LNB?
O primeiro contacto (e nunca mellor dito), foi cando era pequecho, con 10-11 anos, meu pai levoume a Sta. Cruz e colleu uns paus para ensinarme como se xogaba a isto da billarda. Púxenme detrás del e, claro..., aí tiven o meu primeiro contacto... Foi coa cara, concretamente. Non se me esquecerá na vida. Coñecín a LNB nun Campamento Musical que fixemos en Ribadeo no 2007. Viñeron dar un taller de Billarda e en seguida me gustou. Fixemos equipo para xogar na LNB. Os grandes daquela época eran David Díaz, Xermán, Ismael Cabana (o Zidane da billarda), Calvete, Carmiña, Villarino...

-Que accións propoñerías para que máis nenas e nenos practicasen billarda?
Eu penso que temos que empezar por conquistar os pais e nais d@s rapac@s, pois, por moito que aos cativos lles guste a billarda, se despois os pais non os levan xogar é imposible que vaian ás xornadas de liga. En Ribadeo, concretamente, temos moitas actividades deportivas e a billarda podería ser unha máis, por que non? Pero, primeiro, teriamos que ter xente disposta a dedicar o seu tempo para ensinarlles a xogar mediante talleres nos coles, e segundo, teriamos que organizar unha liga anual, durante o curso, para ter aos cativos motivados. Esta sería unha primeira idea, ao meu parecer.
-Cales son as túas principais virtudes como xogador de billarda?
Non sei se lle podo chamar virtude, pero creo que levo bastante ben a presión no xogo contra outros xogadores.
-Que aspectos técnicos, físicos ou psicolóxicos che gustaría mellorar?
Gustaríame mellorar en todo, xa que sempre se pode mellorar. Este ano, a pesar de ganar esta última xornada, estou pasando unha mala racha. Creo que a peor racha en canto a porcentaxe de acertos no golpeo da billarda, desde que empecei a xogar. Así que, máis ca nunca debo mellorar no meu xogo e superar a presión que me meto eu mesmo en cada partida.
-Ordena estas superficies de xogo segundo a túa preferencia, TERRA, HERBA, AREA, ASFALTO, CEMENTO, PAVILLÓN.
Preferencia non teño ningunha. O que menos me gusta é o pavillón, pois paréceme que desmerece moito este xogo. Perde en canto a espectacularidade, tanto no propio xogo como na forma de golpear de todos os xogadores. Pero, en definitiva, o terreo é igual para todos. Algúns saímos favorecidos nuns terreos e outros saen noutros.
-Que manías ou rutinas tes cando vas xogar un Aberto da LNB?
Bufff! Manías moitas. Son unha persoa que me gusta a rutina en canto a facer do mesmo xeito a preparación dun golpe. A metade das veces non me dou nin conta da metade dos “ticks” que teño. Moitas veces mos din despois na casa. Recordo cando empecei a xogar a isto que antes de facer o primeiro lance, dáballe unha volta ao brazo, chamábanlle o helicóptero, Rubén Otero e compañia, a modo de coña, jajaja... A día de hoxe, coloco a billarda, acércome a ela, dou dous pasos atrás e realizo o golpe. E podería seguir contándoche manías ata mañá, jajaja....
-Como inflúe a túa formación en instrumentos de percusión no teu xeito de golpear a billarda?
Pois, non o sei, pero o agarre que teño no palán é como o da baqueta, salvando a diferenza das dimensións, claro está.
-Cales son as fortalezas e debilidades de teu equipo Billardeiros Musicais?
As fortalezas son que funcionamos coma un equipo en canto a organización. Dámonos consellos uns aos outros despois de cada golpe, intentando remediar os posibles erros. As debilidades, pois que estamos moi xustos de persoal. Necesitamos fichar de cara a poder seguir arriba nas clasificacións (xa tiramos un par de cañas de cara á temporada que vén, a ver que pasa!). Non creo que a media de idade sexa o problema, como xa lin noutras entrevistas de diferentes compañeiros, creo que o problema principal é que somos 6 no equipo e non podemos fallar ningún. Somos o equipo a vencer na Conferencia Norleste e iso fixo que o resto dos equipos formaran uns cadros de xogadores máis numerosos para, deste xeito, ter máis marxe de erro e, tamén, máis posibilidades de puntuar.
-Cales son os teus obxectivos para esta temporada, tanto individuais como colectivos?
Individualmente quero clasificarme para as finais de Santiago, tanto na Categoría Absoluta como en Varados. Respecto ao colectivo, quero axudar ao meu equipo Billardeiros Musicais a estar o máis alto que poidamos.
-Que hai de certo en que a clave dos teu éxitos deportivos está na túa agudeza auditiva? Seica escoitas frecuencias por debaixo dos 0 dB, o que che permite oír o latexo acelerado e nervioso dos teus rivais cando saben que se teñen que medir contigo.
Nada, todo mentira. Ten en conta que son percusionista, agudeza auditiva? Non entendemos diso, jajaja... Eu recordo que cando empecei a xogar a isto, cando tiña que xogar contra David ou Victor de Vilamar, contra Zidane ou Xermán, que era xente que xa pilotaba isto, mentres nós estabamos empezando, poñíame super nervioso. Supoño que á xente, a día de hoxe, pasaralle o mesmo que me pasaba a min. Pero, ao final, todos somos iguais e non hai que esquecer que isto é A Billarda.
-Toda a xente da billarda sabe que un bo ou mal día teno calquera, pero ter tres días bos e que estes tres días coincidan coas finais LNB só o conseguiches ti. Para ti, cales foron as claves do triunfo naqueles momentos gloriosos?
Lembro o primeiro ano que fun, estaba super nervioso, pero quería facer un bo papel. Fun pasando roldas ata encontrarme na final, e tiven o día. Tes que ter unha porcentaxe moi alta de acerto no golpeo e ademais ter a sorte do campión. Sempre se necesita unha carreira con sorte e recoñezo que as tres veces que ganei tiven unha carreira desas. A clave para o triunfo, penso que é o que comentaba anteriormente, canta máis presión vou tendo mellor xogo. Estou máis concentrado canto máis me esixe o xogo. Polo menos, esta é a sensación que teño.
-Que tería que suceder para que por fin aceptases a oferta dos Remourelle Bulls?
Os Remourelle Bulls, aínda que están pasando por momentos difíciles, para min é un dos equipos aos que máis cariño lle teño. Sempre foi o noso eterno rival. Desde o principio, eramos como o Real Madrid e o Barcelona, pero sempre desde o punto de vista deportivo. Son un equipo mítico da Conferencia Norleste e espero que algún día volvamos a velos aí arriba, no sitio do cal nunca deberon baixar. Unha apertaza para todos eles. O meu equipo sempre foi Billardeiros Musicais e espero seguir nel mentres siga xogando á billarda.
-Gustaríanos saber o teu parecer sobre os outros equipos da Conferencia.
Carabullo, está preparado para ser campión de Conferencia e campión LNB?
Carabullo ten un equipazo!!!! Para min o mellor equipo que ten agora mesmo a nosa Conferencia. Sen ningunha dúbida teñen que gañar algún ano a Conferencia Norleste (espero que non sexa este, jajaja) e, por suposto, o Nacional. Os BMU intentaremos poñérllelo difícil. Unha apertaza para eles, tamén.
Troitas Bravas, poderán esta temporada acadar a praza de finalista LNB?
Pois, podería ser, por que non? Creo que os Troitas teñen unha cousa ao seu favor, que se volve en algo en contra, tamén, e é o número de participantes no equipo. Son moitos e hai xogadores de moito nivel que non acaban de despegar por esta razón. Que ninguén se me enfade, por favor. É simplemente unha opinión persoal. Apertas mil!!!
Chaínzos-Cadaval, perderon efectividade esta temporada ou son os quilos de máis que collen as súas vacas sagradas para poder pasar o inverno sen notar o frío da chaira?
Jajaja! Pois, outro equipo forte que non acaba de despegar. A razón non a sei, pero, para min teñen un equipo que debería dar moitas alegrías aos seus. Teñen a Cortón, iso xa é un plus. Pepe Outeiro, que o mesmo che xoga coa dereita que coa esquerda, en fin... Pepe Vidal, xogadorazo... e así todos. Apertas compañeiros!
Remourelle Bulls, o equipo que máis e mellor fichou esta temporada, porque non acaba de funcionar?
Non o sei de verdade, pero gustaríame, como xa dixen antes, que volvesen a estar aí arriba. Unha aperta para todos!!
Billarda Verde, o único equipo da Conferencia con Campo de Billarda, que lle falta para que sexa un equipo con opcións de finalista LNB?
O problema é que esta Conferencia Norleste ten equipos moi fortes, entón, non depende só de que teñas un bo equipo, xa que, os demais tamén o teñen. Apertas, compañeiros!
Polka Miseria, que debe facer para ampliar o seu cadro de xogadores e xogadoras?
Negociar con Troitas, jejeje. Non sei, pero depende dos obxectivos que teñas para o ano. Tampouco precisas un montón de xogadores. O caso é pasalo ben. Apertas amigos!
-Finalmente, aí vai a pregunta incómoda: todo heroe ten un antagonista que o pon en dificultades e neutraliza os seus súper poderes. A Superman a Kriptonita inmobilizábao. A que palanador ou palanadora non queres ver diante e por que?
Home, a min gústame xogar con todos. No seu momento dábame medo Lola Eiras, a “mataxigantes”, pero hai tempo que non nos encontramos. A quen lle gusta estar no grupo de Charly, Santi, Daniel, Manolo, Geni, Paula, Lorena, Navallo, Sachas, Isma, Regueiro, Pepe Outeiro, Pepe Vidal...? E así un montón máis. Xogadores incómodos polo seu xogo non che gusta encontralos, pero, se queres ser o mellor hai que roelos e gañar a todos. A Conferencia Norleste é unha das máis duras polo nivel dos seus xogadores, e uns fan medrar aos outros. Espero que sigamos medrando, pero, sobre todo, que sigamos gozando de cada momento, uns cos outros.

Unha forte aperta a todos os que xogades á billarda e vémonos pronto nas pistas ! 





Ningún comentario:

Publicar un comentario