ANÁLISE XORNADAS FIN DE SEMANA NORLESTE NOROESTE






      Chega a quinta tirada da Conferencia Mai e a clasificación de equipos está a un paso do sorpaso definitivo. Sería unha noticia de alcance mundial que Billardeiros Musicais abandonasen un posto que ocupan ininterrumpidamente desde o 25 de outubro de 2014, cando na Pontenova, o actual Chaínzos-Cadaval, daquela chamado O Cadaval, os superara na clasificación. Na seguinte xornada o equipo de Ribadeo alconzou o primeiro posto e rematou a temporada 2014-2015 no máis alto do podio. Nas dúas seguintes temporadas estivo desde a primeira xornada ata a derradeira no primeiro posto. Para encontrar unha fazaña deste tipo debemos achegarnos ao Balonmán, onde o equipo do Barcelona domina de maneira absoluta desde hai varias temporadas.
       Son xa 34 xornadas consecutivas encabezando a conferencia. Será en terra de Barreiros, onde a tribo da Terra Chá venza á da Mariña? Non o van ter doado! Xa que, nas dúas xornadas que non ganou Billardeiros a distancia que lle sacaron os equipos vencedores, Carabullo e Chaínzos, foi de 5 e 7 puntos respectivamente. Daquela, sería unha proeza que os de Ponte de Outeiro conseguiran unha vantaxe de máis de 12 puntos sobre @s de Ribadeo, ou que Chaínzos os superasen en máis de 17. E xa sería unha miragre mariana que Troitas Bravas superase aos tres equipos anteriores en trinta puntos. De todos os xeitos, a emoción xa está aquí para quedarse na Mai das Conferencias. Os equipos reforzáronse para retar ao equipo TRICAMPIÓN NACIONAL e OCTACAMPIÓN de CONFERENCIA. 






         Para o Título de Conferencia Individual, as cousas están como a temporada pasada. Loita entre Billardeiros Musicais, cos seus tres tenores Manu Pozo, Daniel (CAMPIÓN NACIONAL e BICAMPIÓN de CONFERENCIA) e Markytos (TRICAMPIÓN NACIONAL e TRICAMPIÓN de CONFERENCIA), e Charly de Carabullo, BICAMPIÓN de CONFERENCIA. En definitiva, do máis selecto da LNB. O que se sae do guión inicial é a presenza de dous Troitas Bravas, Sachas e Regueiro, a un pasiño do primeiro posto. Esta temporada Sachas está demostrando o potencial que ten con resultados exitosos. 
       Regueiro é un dos referentes da Comarca da Pontenova e un eterno candidato ao título que por non acudir a todas as xornadas nunca tivo opcións de título.  Pero, se analizamos os resultados da temporada pasada, Regueiro quedou a 36 ptos do campión, Charly, faltando a dúas xornadas. Isto dinos que desperdiciou unha grande oportunidade, pois se nas dúas xornadas fixese os puntos que fixo de media nas outras 9 sería campión. Despois está o trío de Chaínzos, Rubén, Cortón e Pepe Outeiro que estarán cerca do podio ata o final, tendo en conta que son xogadores Top. 







        A Conferencia Noroeste ten un único e claro candidato ao título que é Campo da Feira. O equipo de Paiosaco domina tanto polo talento dos seus palanadores como por ter un cadro de xogadores moi numeroso. O Centro de Alto Rendemento e Tecnificación da Billarda de Paiosaco está dando os seus froitos. O outro equipo que pode disputarlle o triunfo en algunha xornada é APB Santa Marta, que ten un equipo con novos valores e estas promesas precisan tempo e adestramento para algún día loitar de igual a igual cos do Campo. Filloas mantén o tipo cun equipo moi veterano e necesitado de frescura, mais con xeitos suficientes para asustar aos máis mozos. Malpica está debutando esta temporada e estao facendo moi ben. Cochiqueiros segue coas dificultades normais da falta de xogador@s. 





       Collazo continúa o camiño que o levará a subir ao máis alto chanzo do podio. Semella que esta competición quedóuselle pequena e xa planifica o asalto á Coroza 2018. Mentres soña con ese 27 de maio de 2018 continúa mandando con brazo firme. Edu é a gran sorpresa desta temporada, pois está segundo. Todos e todas se preguntan se aguantará no podio, lugar que nunca estivo cerca de alcanzar en temporadas anteriores. El afirma que desde que segue a Dieta PAIOSAQUINA (baseada na Papaia e no equino) está nun estado de forma formidable. Roi e Dilan de APB son unha das alternativas ao dominio dos palanadores de Campo da Feira, pois xuntan xuventude e motivación. Viqueira sempre está entre os mellores e Gándara é pura intuición golpeando. Carlos, Xulio, Oscar Ponte e Juan Carlos completan o sexteto da Feira que este ano si poderá ter posibilidades na categoría de Equipos do Play Off. Lito de Malpica é un novo palanador que desde o seu comezo, a temporada pasada, xa mostrou destreza e forza para golpear a billarda. O seu futuro é moi prometedor. Berdillo, seguro que subirá postos e estará competindo por entrar nas prazas de Play Off. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario