12 xornada RÍAS BAIXAS Cotobade


       O máis destacado da xornada 12 celebrada en Cotobade é a composición do podio na Categoría Individual Absoluta, pois son caras e corpos que poucas veces visitan estes lugares tan altos. Rial de Armadiña ganou por vez primeira na súa carreira deportiva unha xornada LNB. Este palanador de Poio xa fora recoñecido por TODOLNB como o palanador de maior progresión ao finalizar a primeira parte da liga en todas as Conferencias. Os augurios cumpríronse e Rial xa se sitúa comodamente nas prazas de Final Nacional. Álvaro sobe por vez primeira esta temporada ao podio, ademais conseguíu ser o xogador que obtivo máis puntos na xornada con 28. Taxeiro, un palanador do 2012, sobe por vez primeira a un podio da Conferencia Rías Baixas.


2º-ÁLVARO     1º-RIAL      3º-TAXEIRO


ACTAS





       Na Categoría de Equipo ganou Gharaboto seguido de Armadiña, e terceiro foi Corredoiras.




       Despois de ganar as últimas seis xornadas consecutivas, Corredoiras só puido ser terceiro. Gharaboto non desiste de intentar acercarse ao equipo de Bueu, aínda que é misión case imposible, pensan @s xogador@s de Marín. Os dous grandes equipos da Conferencia tiveron un convidade inesperado, ou non tan inesperado, xa que Armadiña é un dos equipos con máis futuro de toda a LNB, tanto pola xuventude dos seus xogadores e xogadoras como por contar coas mellores instalacións deportivas do planeta billarda. Si, o equipo celeste fixo unha actuación coral, na que destacou como Pena Trevinca, Xosé Rial, alcumado o "Guerreiro pacífico". Lúa de Forza tivo unha actuación mediocre, tanto é así que foi a súa segunda puntuación máis baixa da temporada. Rinoceronte non fixo valer a súa condición de local e fracasou no intento de acercarse á terceira praza. Ademais, o equipo de Pontevedra vese agora superado pola marexada celeste que desde Poio ameaza incluso ao equipo veciño de Sanxenxo. Afirmaba, despois dos magníficos resultados do equipo, a súa delegada Machi: "agora non podemos parar a marexada. Se fomos quen de chegar á cuarta praza a nosa obrigación é asaltar pola forza dos nosos golpes o podio da Conferencia". Valpaços tamén superou na xeral a Laxe de Rons. Agora, a zona media queda fracturada en dous bloques de dous equipos. Armadiña e Rinoceronte loitarán pola cuarta e quinta praza e Valpaços Terra Quente e Laxe de Rons disputaranse a sexta e sétima posicións. 


ARMADIÑA Poio






       



Che e Daniel (Rinoceronte). A xornada do equipo máis animal da Conferencia foi de poucas luces e moitas  sombras




        Na categoría de equipos femininos, Corredoiras ganou a xornada, seguido de Armadiña e de Valpaços. Foi unha xornada de moita igualdade, en gran parte polas esixencias do terreo de xogo. 




       A clasificación Xeral queda con tres equipos a unha distancia de 13 ptos. Corredoiras reforzou o seu equipo coa incorporación de Irene e agora son 4 xogadores que xa se converten tamén en favoritas para o título. De todos os xeitos, non podemos esquecer que Valpaços está en cabeza desde o comezo de liga. Tampouco, debemos deixar de lado a Gharaboto, pois ten un equipo moi equilibrado nas idades das súas xogadoras. En definitiva, calquera dos tres equipos ten potencial para ganar, polo tanto, cada xornada será unha nova oportunidade para sumar. 



É fundamental o descanso entre carreira e carreira, tanto para estirar as pernas como para reformular a estratexia de xogo. Cheli e Casilda analizando o estado do terreo de xogo











"Wild" Fran (Valpaços Terra Quente). O xogador pontevedres ten todo para triunfar na LNB (estética, ética, atlética e peripatética), agora deberá demostralo nos vindeiros encontros



        Na categoría individual absoluta, os postos de podio volveron a mudar. Paso importante de Ricar que recupera o segundo posto. Ao mesmo tempo, o líder, Xan, afianzou a súa distancia e está preto de facerse co título un ano máis. As outras dúas prazas do podio están no aire e despois desta xornada súmanse ao grupo dos que queren estas prazas Piru e Che. Estes dous palanadores, que nas últimas xornadas semellaba que estaban demasiado lonxe, agora acercáronse tanto que xa son claros candidatos ao podio. Pensamos que entre Ricar, Bego, Salva, Che e Piru vaise ver un espléndido espectáculo nas vindeiras xornadas. Os demais xa están demasiado lonxe do podio.  









ANA (Gharaboto) acomodando a billarda co coidado co que o faría unha agricultora á hora de sementar.




       Na categoría feminina o máis salientable é a ascensión que están realizando desde hai varias xornadas as dúas Elenas, González e Sabarís. Deste xeito, o título está claro para Bego a segunda praza, tamén, será para Lu. A terceira praza está aínda no aire. Chefa ocúpaa e vai ser difíciel sacala de aí. Adriana está atravesando unha crise de resultados e acércaselle Elena Glez (a tan só dous ptos). Elena Sabarís continúa a súa progresión meteórica. As demais deberán defender as súas posicións de Finalista. A día de hoxe a última praza sería para Zaira, pero as que veñen por detrás están respirándolle na caluga. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario