ESTRELAS DA BILLARDA 2019 A Pontenova Crónica incompleta

       Estaba nacendo o sol na Mariña Oriental, pero en Bueu e no Grove a porta do oeste aínda estaba cerrada coa madeira da escuridade. Eran as sete e media da mañá e había que erguerse para chegar en tempo á Pontenova. 262 quilómetros eran espazo suficiente como para afrontar a viaxe tan de cedo. Se o movemento nas Rías Baixas empezou antes do abrente, na Coruña tiñan menos distancia e tomárono con calma e prudencia, así, a expedición do noroeste saíu ás 10 horas e con paradas para tonificar as tripas. Por outra beira, na Pontenova o equipo organizador tamén madrugou para cortar o cespede, marcar o campo e preparar os ordenadores e compotadoras para o momento da inscrición. Contábase coa presenza de máis de 80 competidores e competidoras. O curioso foi que á hora do xantar houbo máis de 90 persoas, o que nos fai pensar en reformularnos a organización da próxima temporada da LNB. Acaso, cando un aberto comeza con comida e bebida e finaliza con música, máis comida e máis bebida, a participación aumenta?
       Vale, en definitiva, unha mañá magnífica de convivencia e saudable competición, un xantar Galicia Calidade e unha tarde fabulosa de convivencia e competición a lume de viqueira. Por suposto, como todo encontro humano tivo algunhas situacións de xogo cheas de polémica. Case todas realcionadas con apreciacións diverxentes de xogador@s e xuíces. Mais, estas foron oportunidades para encontrar solucións inxeniosas ao tempo que eficaces para resolvelas e adoptar a decisión axeitada. Desde logo que axudou a resolver estas xogadas o VER (Varal electrónico) que xa se probara nunha xornada da Conferencia Noroeste. Temos dúas destas xogadas nas que interviu o VER nun documento audiovisual. 
      
Choiva de luz e diversión na Pontenova

    Pola mañá disputáronse os concursos e pola tarde o Aberto das Estrelas. A climatoloxía foi sensacional para a práctica da billarda. O terreo de xogo en perfectas condicións, semella que na Pontenova a herba encontra as condicións idóneas para medrar. Para organizar os concursos e ordenar a 83 persoas houbo que botar man dun experto en manexo de recursos humanos chamado Noé e outro experto mundial en manexo de recursos animais chamado Regueiro. Todo o apartado tecnolóxico e eléctrico estivo en mans de Sachas, e case cumpriu á perfección con este labor, se non fora porque o VER desconectouse nunha das xogadas polémicas. Sachas segue dicindo que houbo sabotaxe, que alguén desenchufouno intencionadamente para beneficiarse. De momento non podemos sinalar a ninguén, pero os indicios acércannos a afirmar que é alguén da Conferencia Noroeste. De todos os xeitos, durante os próximos días saírá máis información sobre este particular e outros. Houbo tantas cámaras de vídeo instaladas que revisar todas as imaxes vai levar tempo. De todos os xeitos, a verdade non quedará oculta e mostrarase nos vindeiros días, a pesar das presións, ameazas e intentos de suborno que esta redacción está recibindo.


PARTICIPACIÓN
83

64 homes
19 mulleres
6 infantil










MIGUEL CANCELA

MANU CALDEIRO

CHARRI

ALBINO

O MURIEGO

SANDRA


MANOLO FARIÑA


TROITAS BRAVAS
        Fenomenal traballo organizativo o realizado por Troitas Bravas. Agora o equipo troiteiro xa está centrado en conseguir esa desexada praza para acudir ás Finais Nacionais LNB do 26 de maio. 

Grazas compañeiras e compañeiros polo voso esforzo e entusiasmo!

    Finalmente non puidemos publicar o vídeo das dúas xogadas máis polémicas, o varado de Edu e o varado de Muriego, durante o concurso de Varados, e que foron captados por unha das cámaras complementarias ao sistema VER. Estas imaxes están retidas pola xuíza única do comité disciplinario da LNB. Xuíza que pediu a Remourelle e Campo da Feira que presenten alegacións para despois tomar unha decisión. O fermoso trofeo conseguido por Muriego está no aire. O Da Vinci de Tapia, por se acaso, non vai cruzar a fronteira do Eo ata que se publique o dictame e, se este é desfavorable aos seus intereses, promete non saír máis do Principado e desafía a quen queira ir ao seu bunker a recuperar o trofeo.

Faremos todo o posible e imposible para publicar este vídeo o mércores.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario