FIN DE SEMANA de billarda



   Preto dun cento de persoas participaron no Aberto da Chaira 2019. Entre estas persoas había xogadores e xogadoras da LNB e tamén quen nunca xogara billarda. Daquela, o poderío e talento dun dos grandes xogadores da mellor liga de billarda do mundo, Regueiro, mostrouse irresistible. O da Pastoriza non tivo compaixón e levouse o xabarín impreso nun artesanal soporte. Detrás del, quedaron Charly, Ismael e Chousa. Salientar a participación do Coroceiro LNB 2019, Daniel Rodríguez Saavedra.

   Este histórico Aberto non repetiu nunca ganador. Nos dez anos de vida houbo outros tantos ganadores, cousa que di das dificultades de compatibilizar hidratación e competición. En definitiva, a piques estivo Charly de repetir, mais... non foi posible. No historial de ganadores deste Aberto destacan os palanadores da terra Chá. Outro misterio que intentaremos resolver nos vindeiros días é o de quen venceu no 2015, xa que, na documentación que se conserva nos blogs da billarda non aparece o misterioso vencedor. Non queda outra alternativa que buscar informantes que estiveran presentes e teñan memoria dos feitos que alí aconteceron aquel 11 de xullo de 2015. (Despois de publicar esta crónica, chegounos a información que faltaba. Resulta que Rafa Saavedra López, de Chaínzos, ganara o Aberto da Chaira no 2015. Entón, procedeuse a incluílo no podio histórico).






Nova practicante
Franco, o incombustible




ABERTO DA PATRIA 
27 XULLO 
CASTROVERDE



    O que sucedeu en Castroverde é cousa de resumilo en soporte audiovisual... visionade este documento inédito e vós mesmas, vós mesmos tirade reflexións. Acáelle como título: ESTRADA CARA AO PASADO. O lugar de xogo, situado baixo o sombrizo abeiro de carballos milenarios, convidaba a revivir aquel tempo da matria galega, onde a tribo rural compartía as faenas agrarias con gozo e alegría. 


 


    Neste outro audiovisual podedes presenciar o que sucedeu no Aberto do Día da Patria de Compostela do día 25 de xullo. Algo sorprendente e marabilloso, dous xogadores que aprenderon in situ a xogar billarda subiron ao podio. Un deles proclamouse Patriota Nacional 2019. Os dous xogadores son galegos de nacemento, polo tanto, seleccionables pola Auténtica. Esperamos que o seleccionador Flores tome boa nota destes talentos descubertos en Compostela e faga seguimento das súas traxectorias deportivas. Xa é hora do relevo xeracional para afrontar a vindeira Copa Cantábrica con garantías de reencontrar o vieiro da vitoria.  


Ningún comentario:

Publicar un comentario